IGREXA DE SAN XOÁN DE MOECHE

Relixioso
175

Localización

Parroquia: San Xoán de Moeche (San Xoán)

Lugar: San Ramón

Rúa: Seoanevello 7

15563  Moeche - A Coruña

Coordenadas:
43º 33' 14.0" N - 8º 00' 42.9" W

Descrición

Igrexa de estilo barroco rural. Planta rectangular, con nave única, sancristía adosada e presbiterio cuadrangular e elevado sobre o resto da nave. No interior, teitume de madeira na nave e bóveda de aresta na ábsida, separadas ambas partes por un arco triunfal de medio punto apoiado sobre pilastras. Un coro alto de madeira coroa o fondo da nave en contra posición o altar maior. No exterior, combina muros de cachotaría revestidos e caleados con pezas á vista nos esquinais. Consta dunha cuberta de lousa a dúas augas e unha sinxela fachada principal organizada nun só corpo, con porta rectangular e pequeno oco para a iluminación natural do coro. No lateral dereito da fachada principal atópase unha pequena espadana de dous ocos con campás e rematada en pináculos con bólas, á que se accede mediante unha escaleira de caracol. Vistas do val de Moeche dende o adro.

Acceso

Dende a capital municipal, tomar a estrada de San Xoán en dirección sureste ata chegar a visualizar o cemiterio parroquial, anterior á propia igrexa.
Arriba