IGREXA PARROQUIAL DE SAN MAMEDE DE SALGUEIROS

Relixioso
915
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Salgueiros (San Mamede)

Lugar: Salgueiros

15152  Dumbría - A Coruña

Coordenadas:
43º 01' 14.9" N - 9º 10' 32.9" W

Descrición

Construída no s. XVIII, de estilo Barroco. Ten unha nave de planta de cruz latina cunha capela maior cuadrangular. No punto de unión da nave coa capela maior destacan dúas capelas que forman o brazo do cruceiro. A sancristía está pegada ao brazo norte do presbiterio. A capela maior, de cantería, cóbrese cunha cúpula de media laranxa sobre pendentes que permiten pasar da sección cadrada do presbiterio á circular da bóveda. Un gran arco triunfal separa este espazo litúrxico da nave, cunha pequena tribuna de madeira aos seus pés. A torre das campás posúe dous corpos, o primeiro formado polas campás e o segundo por unha pequena cúpula rematada en pináculo. A decoración é a base de placas seguindo a tipoloxía do campanario compostelán de San Fiz de Solovio. As fornelas rematadas cunha vieira fan que esta sexa unha igrexa diferente ás da zona.

Acceso

Dende a capital municipal, tomar a estrada local DP-3404 dirección NO ata enlazar coa AC-552. No cruce, xirar á esquerda dirección Cee. Tras atravesar o pobo de Bustelo, xirar á dereita pola CP-3402 dirección Salgueiros. Logo, cruzar a aldea de Salgueiros, chegar ao cruceiro do pobo e torcer á dereita, alí está a igrexa.

Camiños de Santiago

Camiño de Fisterra-Muxía
Arriba