O FACHO DE DONÓN

Depósitos arqueolóxicos
2930

Localización

Parroquia: O Hío (Santo André)

Lugar: Donón

36945  Cangas - Pontevedra

Coordenadas:
42º 16' 34.6" N - 8º 51' 40.4" W

Descrición

O Facho de Donón sitúase no extremo occidental da península do Morrazo. Ocupa un promontorio que sobresae na paisaxe, elevado sobre o mar nun cantil de máis de 180 metros, e cun gran dominio visual sobre o océano e as illas Cíes e Ons, próximo da aldea de Donón e pertencente á parroquia de Santo André do Hío. Este lugar alberga unha zona arqueolóxica excepcional e única no contexto peninsular. O seu grande valemento xustifícase, principalmente, pola existencia dun notable santuario. Este santuario adquire a súa calidade de sobranceiro pola grande cantidade (máis de 175) de aras-estela dedicadas a un mesmo deus céltico indíxena (que recibe o apelativo de Lar Berobreo). Ademais, o lugar acolle sitios arqueolóxicos pertencentes a un arco cronolóxico e tipolóxico moi amplo: por unha banda inclúe petróglifos e áreas de actividade humana, desde o século X a.C ao século V d.C, que se corresponden co Bronce Final, Idade do Ferro, Época Romana e comezos da Alta Idade Media; por outra, o lugar alberga, nun excelente estado de conservación, un singular espazo agrario tradicional, fosilizado, pertencente a unha aldea despoboada antes do século XX.
Pero este lugar ten tamén un valor inmaterial. Segundo a tradición, desde o cantil denominado a Banda da Figueiriña e a Costa do Río parten as ánimas no seu camiño para o Alén. Neste sentido, os mariñeiros afirman ter visto desde o mar as luces das ánimas ou da Compaña no cantil. Isto ten relación coa crenza máis ampla do tránsito das ánimas desde terra firme cara ás illas Ons e Cíes e, desde elas, para o Alén.

Accesibilidade

Peonil.

Declaración

Ben de Interese Cultural
Arriba