Unha vez en terra: O municipio de Moaña mantén unha gran tradición pesqueira
e conserveira e na actualidade conta con importantes
estaleiros. Por outra banda, no seu porto pesqueiro tamén
amarran gran cantidade de barcos mexilloeiros pois xusto en
fronte hai fondeadas varias ducias de bateas.
Polos seus montes os afeccionados ao excursionismo terán
a oportunidade de percorrer a ruta que remonta o leito do
río da Fraga, que se interna entre bosques ata chegar ao
miradoiro que leva o seu nome. No traxecto irémonos encontrando
cunha vintena de muíños de auga, moitos deles
rehabilitados. Tamén os afeccionados ao golf poden practicar
este deporte nas proximidades cunhas vistas senlleiras da
ría de Vigo.
Entre os seus monumentos sobresae a igrexa de San Martiño, que conserva a súa portada románica, e como restos
prehistóricos o dolmen de Chan da Arquiña no monte
Domaio.
Aproximación de noite: Procederemos de igual xeito tendo en conta o balizamento:
Vindo do S navegaremos á procura da luz do faro das illas Cíes
(GpD(2)B 8s 187m 22M) e a do cabo Silleiro (GpD(2+1)B 15s
82m 24M). Cando teñamos esta última por estribor, navegaremos
ata pasar entre a baliza do illote Boeiro (GpD(2)R 8s 23m 5M) e
o punto cardinal W (GpCt(9)B 15s 5M) dos illotes das Serralleiras.
Situados, navegaremos seguindo a enfilación 069º do cabo Estai
(ant IsoB 2s 18m 18M e post a 660 m da ant OcB 4 50m 18M)
ata estar na oposición da luz de punta Lameda (GpD(2)V 8s 29m
5M) e cabo Vicos (GpD(3)R 9s 94m 10M). Situados, navegaremos
ao 040º á procura da luz do baixo Tofiño (GpD(4)V 14s 11m 5M) e a
da pedra Borneira (GpD(2)R 7s 13m 7M). Deixando por babor as da
boia do Baixo Rodeira “10” (GpD(3)R 9s 5M) e a do baixo Salgueirón
(GpD(2+1)R 15s 5M) e por estribor as do porto de Vigo, navegaremos
a pasar ao S do baixo Con de Pego (GpD(4)R 11s 9m 5M) á procura
das do porto do Con (GpD(4)R 11s 11m 5M) e Moaña (GpD(3)R 9s
9m 5M), xusto entre as que se atopa o porto deportivo Moaña Mar,
coas súas luces vermella e verde de entrada a porto.
Aproximación de día: As instalacións portuarias do Club Social Moaña Mar encóntranse
entre o porto pesqueiro de Con e o de Moaña, na costa N da ría de
Vigo. Para arribar a porto entraremos na ría pola canle S, a principal,
seguindo o rumbo marcado pola enfilación de cabo Estai, e despois de
ter superado a oposición punta Lameda – cabo Vicos poremos rumbo
ao 041º que nos marca a enfilación da torre-baliza Borneira (ao S do
cabo Balea) coa torre da praia Rodeira e o monte-faro Domaio. Unha
vez teñamos a illa de Toralla ao través de estribor, poremos rumbo
para deixar a baliza do baixo Tofiño por estribor e, posteriormente,
continuaremos a navegar cara ao interior da ría deixando a boia do
baixo Rodeira e a de Con de Pego polo costado de babor para ter xa
pola proa as instalacións do porto de Con, Moaña e Moaña Mar.