IGREXA E CONVENTO DE SAN DOMINGOS

Relixioso
2607

Localización

Parroquia: Ribadavia (San Domingos)

Lugar: Ribadavia

Rúa Virxe do Portal, s/n

32400  Ribadavia - Ourense

Coordenadas:
42º 17' 08.9" N - 8º 08' 42.0" W

Descrición

Declarada Monumento Nacional en 1931. Foi o segundo convento no que se estableceron os dominicos ao chegar a Galicia. A súa fundación  está moi relacionada co apostolado exercido por frei Pedro González -tamén coñecido como san Pedro Telmo-  e os seus discípulos na bisbarra do Ribeiro de Avia (1240–1243), aínda que a tradición e algúns historiadores consideran como fundador, cara a 1250, a frei Pedro das Mariñas, compañeiro do anterior. A súa construción desenvolveuse entre os séculos XIII e XIV. A igrexa de planta basilical é considerada unha das mellores mostras do Gótico mendicante galego. Destacan os capiteis historiados con motivos vexetais, animais e xeométricos. Tamén son de gran valor os seus sepulcros (s. XIII ao XVI) e os seus diversos retablos e imaxes (s.XV ao XVIII).

Na fachada principal están presentes os escudos dos Sarmiento, o real de Castela e León e o de frei Alonso de Cusanca.

A ábsida presenta elegantes proporcións e na súa cara exterior pódese ver na cima o escudo dos condes de Ribadavia, que foron patróns da igrexa. O convento fornecíase de auga que viña pola levada empedrada dende o regato do Maquiáns; o sobrante da auga fornecía o castelo dos condes grazas a un acordo entre os dominicos e a casa condal.
O convento funcionou dende o ano 1299 como casa de estudos, con cátedras de Teoloxía, Moral e Gramática.
Nun principio, este convento, un dos máis activos de Galicia, levantouse na honra de Santa María de Valparaíso. Dende o século XVII comézase a venerar a virxe do Portal, de xeito que, finalmente, se construíu á beira a igrexa do Portal sobre a antiga capela de Santa María de Valparaíso.

Acceso

Núcleo capital municipal.

Orden Relixiosa

Dominicos

Declaración

Ben de Interese Cultural
Arriba
Axúdanos a mellorar!