IGREXA PARROQUIAL DE SAN CRISTOBO DE NOVELÚA

Relixioso
1224
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Novelúa (San Cristovo)

Lugar: Novelúa

27568  Monterroso - Lugo

Coordenadas:
42º 49' 41.0" N - 7º 47' 42.0" W

Descrición

Edificio singular, ao tratarse dunha igrexa-fortificación dos séculos XII e XIII, con reformas sufridas no XVII e XVIII. Conserva íntegra a construción románica. Os muros son integramente de cantería de granito e descargan o seu peso sobre contrafortes que reforzan os laterais da nave. A cuberta é a dúas augas e nela interveñen a lousa e a tella. Entre ela e os muros consérvanse canzorros en remate de proa. Está dividida en varios tramos: cabido, prenave ou pórtico, nave e ábsida semicircular elevada sobre base pétrea.

Accédese ao cabido a partir dunha porta alintelada, e de aquí pásase á prenave. Alí ábrense senllas portas con arcos de medio punto. A portada principal ten arco de medio punto abucinado, con tres arquivoltas con columnas de tres ordes, chapiteis variados e mochetas decoradas que pechan o tímpano alintelado. No frontis érguese unha torre-campanario de tres corpos (o superior de estilo barroco) que lle outorga o carácter de arquitectura defensiva ao conxunto. No corpo inferior ábrese un van cadrado cinguido por dúas columnas de rudos fustes e capiteis.

Acceso

En Monterroso seguimos cara a Lugo. É preciso coller á esquerda ao pasar a vila en dirección a Ligonde. A 3,8 km hai que desviarse á dereita nun cruzamento sinalizado e, a 1,2 km, na aldea do Castro, está a igrexa. 

Camiños de Santiago

Camiño Francés
Arriba