IGREXA PARROQUIAL DE SANTIAGO DE LIGONDE

Relixioso
1253
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Ligonde (Santiago)

Lugar: Airexe

27568  Monterroso - Lugo

Coordenadas:
42º 51' 49.9" N - 7º 47' 12.9" W

Descrición

De nave rectangular e con muros de cachotería e cantería de granito, con cuberta de lousa a dúas augas. Nun dos muros hai un fragmento de sarcófago prerrománico que foi reutilizado como material de construción. Outras pezas deste sartego consérvanse no interior da edificación, onde tamén se atopa o arco triunfal apuntado, peraltado e dobrado da primitiva fábrica románica. No plinto esquerdo sobre o que se apoia a columna hai decoración de aves peteirando; os bordos teñen pequenas cabezas antropomorfas. No dereito hai entrelazos de “s” deitados. Os capiteis están decorados con motivos vexetais. 
A porta lateral presenta lintel apoiado en ménsulas e ao seu carón consérvase unha pía de auga bendita embutida na parede e de forma cilíndrica.
O frontis perdeu o seu primitivo estilo. A porta principal é alintelada e remata en espadana de dous vans sobre a que se sitúa un frontón cun óculo na parte central.
No adro, rozando coa parede posterior da igrexa, achamos o primitivo enreixado de pedra que evitaba que os animais puideran entrar no camposanto.

Acceso

En Monterroso tomar dirección a Lugo. A 1,3 km tomar pista á esquerda. A 7 km torcemos a esquerda seguindo o Camiño Francés. A 1 km está a igrexa á man esquerda.

Camiños de Santiago

Camiño Francés
Arriba