IGREXA DE SANTA EUFEMIA DE AMBÍA

Relixioso
2568
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Ambía (Santo Estevo)

Lugar: Santa Eufemia

32704  Baños de Molgas - Ourense

Coordenadas:
42º 13' 26.0" N - 7º 42' 20.0" W

Descrición

Datación: século IX, inicio da alta Idade Media. 

Capela de estilo prerrománico do século IX e con influencia mozárabe. Cronoloxicamente está relacionada con outras dúas capelas do mesmo estilo nas terras de Ourense: Santa Comba (concello de Bande) e San Miguel (nos terreos do actual mosteiro de San Rosendo en Celanova), promovidas pola actividade do mosteiro de Celanova nos seus inicios e polo seu principal impulsor, Rosendo Méndez. 
En poucos lugares se pode atopar semellante concentración de patrimonio arquitectónico-relixioso, nos inicios da Idade Media europea, coas peculiaridades do estilo propio peninsular, marcado pola influencia da cultura mozárabe. 
A planta actual componse dunha soa nave con ábsida rectangular na que aínda se conservan dous arcos dobres de ferradura. Conta con tres capelas interiores nas que se ven os arranques dos arcos que formaban parte das tres naves primitivas. 
No seu interior atopamos dúas aras de orixe romana (Baixo Imperio Romano) e un cristo crucificado en talla de madeira de orixe medieval-románica.
Da época da romanización, figura no contorno de Santa Eufemia a chamada «Fonte das Ninfas», lugar de onde virían as aras que hoxe están no interior da capela de Santa Eufemia.

Catalogación: ben de interese cultural (BIC). Declarado Monumento Histórico-Artístico (Decreto 3 de xuño de 1931).

Acceso

Estrada OU – 0108. MACEDA – ALLARIZ. Dende Baños de Molgas imos cara a Xunqueira de Ambía e Allariz. Molgas – Santa Eufemia de Ambía: 3.7 km. En coche, 6 minutos; andando, 45. Posibilidade de facer o mesmo percorrido por un carreiro á beira do río Arnoia, pendente da súa mellora e sinalización como ruta de sendeirismo. Monumento sinalizado.

Camiños de Santiago

Vía da Prata

Declaración

Ben de Interese Cultural
Arriba
Axúdanos a mellorar!