mailto:?subject=Envio de contido de Turismo de Galicia: BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS&body=Recoméndoche que leas a información BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS extraída do portal de Turismo de Galicia na páxina https://www.turismo.gal/recurso?cod_rec=9607%26langId=gl_ES
Paisaxes da raia seca
Limia é un río único. Escavou un corredor natural á beira do cal foi
deixando a historia a súa humana pegada. E nel recolle todo un tecido
fluvial que se descolga en fervenzas e saltos, repousa en encoros
sucesivos, atravesa unha fronteira e rende ao final as súas augas ao
Atlántico. Únense así o maior Parque Natural da nosa comunidade co de
maior importancia en Portugal, o Parque Nacional da Peneda-Gerês.
Xuntos abranguen un só espazo protexido de carácter transfronteirizo
único en Europa.
Trátase da raia seca, pois o trazado fronteirizo non se sitúa nos ríos senón
no alto das serras: O Laboreiro, Queguas e Quinxo ao norte; Santa
Eufemia, Xurés e O Pisco, ao sur. Os puntos máis elevados ascenden ata os
1.500 metros de altitude, combinan as formas suaves dos vellos montes
galegos coas máis esgrevias. Agullas e bolos graníticos que o tempo
encabalgou en complicados equilibrios son un dos sinais de identidade da
zona.
Acharemos monumentos megalíticos, lendas de ouro e o testemuño do
paso dos lexionarios romanos pola calzada XVIII ou Vía Nova.
Aínda permanecen en pé os fitos viarios ou miliarios que deixaron na
calzada que unía as capitais romanas de Braga e Astorga polo único paso
natural entre estes montes, a mítica Portela do Home, punto fronteirizo
de acceso ao territorio portugués.
As construcións populares como muíños, colmeas amuralladas (alvarizas),
cabanas de pastores (chivanas), hórreos, fornos, camiños e valados
revelan a alma da máis creativa dos seus poboadores. Un patrimonio
herdado da tradición na ducia de núcleos rurais que ata a actualidade
mantiveron a actividade agropecuaria dentro do parque. Así como as
aldeas do Couto Mixto, o territorio que mantivo ata o ano 1868 un
estatuto de privilexios independente de España e Portugal.
Acceso
Desde Ourense, dirección Celanova e Portugal,
pola OU-540. Desde Xinzo de Limia pola
estrada comarcal OU-301 ata Bande.
Situación
Suroeste da provincia de Ourense, fronteira
con Portugal. Nos concellos de Entrimo, Lobios
e Muíños. O LIC esténdese ademais polos
municipios de Padrenda, Quintela de Leirado,
Verea, Bande, Calvos de Randín e Lobeira.
Superficie
29.762 ha.LIC: 34.248,13 ha.
Servizos
Comer: Si.
Aloxamento: Si.
Sen pérdida
Antes de entrar no parque, a principal vía de acceso pola estrada OU-540 ofrece aos visitantes importantes paradas para coñecer o patrimonio histórico da zona. Aquis Querquernis é o xacemento romano formado por un campamento e unha "mansio" viaria situada á beira do encoro das Conchas, no concello de Bande. Nas proximidades sitúase o moderno Centro de Interpretación "Aquae Querquenae" - Via Nova. Tamén nesta altura salienta a igrexa prerrománica de Santa Comba de Bande cuxa nave e as pinturas murais son de obrigada visita.
Xa no parque existen rutas en automóbil que enlazan os miradoiros naturais e paraxes significativas; unha ruta ecuestre; e moitas posibilidades de sendeirismo por cada unha das serras que forman a raia. Algunhas de trazado moi esixente.
Lobios, na marxe esquerda, e Entrimo, na dereita, son as capitais do parque. Na vila balneario de Lobios, coas augas termais do río Caldo, sitúase a Sede e Centro de Interpretación. Na mesma localidade, a escasos metros do balneario, atopamos
os restos romanos visitables da "mansio Aquis Originis". O traxecto pola estrada que continúa desde Lobios ata o paso fronteirizo de Portela do Home permite observar desde a distancia a fervenza da Fecha, a máis alta de Galicia en época de
chuvias, e tamén coñecer o conxunto de numerosos miliarios da calzada romana.
Desde A Terrachá, capital municipal de Entrimo, que conta cunha interesante igrexa de fachada barroca, parten os desvíos cara á serra de Queguas e O Quinxo. Por exemplo, o que conduce ata a aldea de Olelas, un dos mellores sitios para ver os
exemplares da vaca cachena. É a raza bovina autóctona, de pequeno tamaño e longos cornos, adaptada á dureza da serra e que nos últimos anos está saíndo do perigo de extinción.
Natureza senlleira
O Xurés é diverso en paisaxes e vida. Zona de transición floral eurosiberiana (atlántica) e mediterránea coa conxugación de factores altitudinais e orientación dos vales. Nos cumes, vexetación de monte baixo. Nas zonas do val, carballeiras e outras especies. Importancia dos bosques de galería nos cursos fluviais.
Mandas de lobo e as súas presas. Tamén cabra montés nun programa de reintrodución, e recuperación do cabalo chamado poni galego ou garrano.
Información e equipamentos
Sede do Parque
Teléfono:+34 988 448 048
Enderezo:Lobios
Centro de Interpretación do Parque Natural
Teléfono:+34 988 448 048
Teléfono 2:+34 988 448 181}
Enderezo:Lobios
C. Interp. Arqueolóxica Aquae Querquennae - Via Nova