CUMIO DA CUROTIÑA

Espazos naturais
434
No Camiño de Santiago

Localización

A Pobra do Caramiñal - A Coruña

Coordenadas:
42º 36' 54.1" N - 8º 58' 24.6" W

Descrición

En realidade son dúas moles graníticas, A Curotiña (368 m) e maila Curota (498 m). Non son os máis altos nin os únicos miradoiros da Serra do Barbanza co punto máis elevado no monte Iroite (685 m), pero si dos mellores para ter unha perspectiva case aérea das Rías Baixas; e, en días claros, disque ata Portugal. Nestas ocasións convértense no mellor punto para comprendermos a tranquilidade das rías mentres ós nosos pés barcos e bateas semellan figuras dunha enorme maqueta.
A pouca distancia do mar e o forte desnivel orixina abruptos descensos dos ríos. Dende A Pobra do Caramiñal dáse chegado a modo ás fervenzas do río das Pedras. Dende Boiro, ás de Cubelos. Nos meses de verán as súas frías augas recompensan a fatiga do ascenso, sempre con xeito.
Polos catro costados habemos bater con restos megalíticos. Dolmens como a Arca do Barbanza ou a Casota do Páramo (Boiro) e Axeitos (Ribeira); castros como o de Baroña (Porto do Son) ou os do Neixón (Boiro). Valores paisaxísticos de primeira orde. Nas chairas elevadas da serra do Barbanza aséntanse brañas e terreos de turbeira, ecosistemas de gran riqueza.

Acceso

Pola vía rápida do Barbanza (VRG11) ou estrada C-550 con desvíos en varios puntos para realiza-la subida dende A Pobra do Caramiñal.

Camiños de Santiago

Ruta do Mar de Arousa e Ulla

Situación

Concello da Pobra do Caramiñal, na serra do Barbanza dentro da península do mesmo nome.

Superficie

50,3 ha.

Servizos

Aloxamento e comida nas vilas da beiramar.
Natureza Espazos naturais Sitio natural de interese turístico
Arriba