IGREXA DE SAN XILLAO DE LOBIOS

Relixioso
1359

Localización

Parroquia: Lobios (San Xillao)

Lugar: A Airexa

27423  Sober - Lugo

Coordenadas:
42º 24' 28.9" N - 7º 31' 52.9" W

Descrición

Exemplar do románico rural do século XIII con notas que falan de transición ao estilo oxival. A sancristía é posterior e a espadana é barroca. É de nave rectangular con ábsida tamén rectangular. Dous contrafortes exteriores en cada lado, dividen os alzados laterais en tres pequenos entrepanos. As cubertas son de madeira a dúas augas na nave en tanto que a cabeceira se cobre cunha bóveda de cruzaría no tramo inmediato á nave e con bóveda de canón apuntada no tramo do testeiro. A fachada principal ten unha porta construída sobre un taboleiro saínte que remarca o seu abucinamento, con arco de medio punto apuntado, con catro arquivoltas de bocel decoradas con rosetas e bólas. Os capiteis teñen decoración vexetal. Na parte alta érguese unha ventá, moi apuntada, de trazaría gótica. No lado sur hai outra portada semellante á anterior. A ábsida é rectangular e está dividida en dous tramos por dúas columnas pegadas con capiteis entrelazados. No testeiro ábrese unha ventá na parte alta semellante á da fachada principal.

No interior destaca un tramo anterior á ábsida, cuberta con bóveda nervada que se apoia en columna nos capiteis da cal se representan símbolos, adornados con pinturas, dos catro evanxelistas: anxo, touro, león e aguia. Tamén conserva interesantes pinturas murais.
Arriba