A Costa da Morte representa a esencia de Galicia
A Galicia natural, das praias salvaxes e cantís de Fisterra, Camariñas ou Malpica; mais tamén dos penedos esculpidos polo vento en Traba (Laxe).
A Galicia mariñeira, das vilas costeiras poboadas por pescadores e percebeiras.
A Galicia rural dos cultivos e explotacións gandeiras de Mazaricos, dos hórreos e muíños presentes dende Carnota a Bergantiños.
A Galicia mística que se estende dende o ancestral culto ao sol no Ara Solis fisterrá ata as rochas curativas do Santuario da Virxe da Barca, pasando pola ruta Xacobea.
A Galicia megalítica, onde o dolmen de Dombate, o castro de Borneiro (Cabana de Bergantiños) ou mesmo a Arca da Piosa (Zas) representan só unha pequena parte do amplo legado da época.