A Ribeira Sacra é unha terra marcada polos dous grandes ríos que a moldean, así como pola fe e a espiritualidade que aínda envolve os numerosos mosteiros espallados pola súa fermosa paisaxe.

Habitada dende antigo, a súa riqueza histórica, a súa impresionante natureza e a súa deliciosa gastronomía son unha aposta segura para os sentidos. 

O xesto monacal de pedra
bendice o sosego da aldea…
Axeóllanse os camiños
abrazados ó cruceiro nun azul eternidade
de pedra e ceo.
      Luís Amado Carballo.

Día 1º

Comezamos a nosa andadura no concello lucense do Saviñao para coñecer de preto unha das moitas construcións relixiosas polas que esta terra recibe o sobrenome de Sacra, o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño. Construída a finais do s. XII, é un dos exemplares máis impresionantes do románico rural galego. A súa localización, nunha marxe empinada do río que lle dá nome, obrigou a edificar unha cripta para elevar o templo, de tal xeito que a igrexa semella estar suspendida no alto dos viñedos. A súa fachada, delicadamente cicelada en granito, recorda a obra do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria

 

Sen saír do concello, visitaremos a igrexa de San Paio de Diomondi, de orixe mítica e lendaria, pasou a ser beneditino no século X. O 22 e 23 de agosto, os devotos invaden a parroquia para celebrar a romaría dos Remedios. Ademais dos oficios relixiosos e das peticións á Virxe, tamén aproveitan a ocasión para deleitar o padal cun bo xantar nunha carballeira centenaria a poucos metros do santuario.

Seguindo o curso do Miño, chegamos á igrexa de San Martiño da Cova. Trátase dun templo románico de finais do século XIII que formaba parte do mosteiro de Santo Agostiño. Esta fermosa construción agocha no seu interior pinturas que representan á Santísima Trindade. Dende aquí, tamén empezaremos a gozar dunhas estupendas vistas da agreste paisaxe que rodea a igrexa, pero antes aínda temos que andar un pouco. Tras atravesar un sendeiro de vexetación espesa chegamos ao miradoiro da Cova para conseguir unha inmellorable perspectiva da gorxa do Miño, o chamado Cabo do Mundo. Este é un lugar no que o río serpeante troca de dirección no medio dunha gran calma. Descendendo con coidado por unha pista estreita e con forte pendente, rodeados de socalcos, chegaremos agora á praia fluvial da Cova que albiscabamos dende San Martiño. Protexida da brisa por un contorno de natureza salvaxe, resulta acolledora para pasar unha refrescante xornada estival.

Día 2º

Na nosa segunda xornada, sen afastarnos da beira do Miño, poñemos rumbo ao concello de Pantón, rico en patrimonio histórico e cunha impresionante natureza. A primeira parada será o mosteiro cisterciense de Santa María de Ferreira, aínda habitado por unha pequena comunidade de monxas. Percorrede con calma o interior da súa igrexa e observade o artesoado de tradición mudéxar ou a talla medieval da Virxe co Neno. Non marchedes sen dar conta dos doces de améndoa feitos polas monxas para comprobar se son merecedoras da súa gran sona de reposteiras.

Continuamos agora ata a igrexa do antigo mosteiro de San Miguel de Eiré, do século X. Da fábrica medieval consérvase o curioso templo de finais do XII, moi vinculado ao románico de Castela. Resulta moi curiosa a torre-miradoiro que, dende o exterior, parece dividir o templo en dúas partes: a humana e a divina. Non pasedes por alto as pinturas da bóveda interior nin o seu Pantocrátor.

Imos agora cara á igrexa de Santo Estevo de Atán, que formaba parte do mosteiro fundado polo bispo Odoario de Lugo no século VIII. Duramente castigado durante as incursións musulmás, reconstruíuse entre os s. XII e XIII. As súas celosías prerrománicas son o máis característico do templo. Entrade para ver o espectacular conxunto pictórico no que destacan a Anunciación, San Gabriel e a Virxe María antes de poñervos de novo en marcha para visitar a igrexa de San Vicente do Pombeiro, dos s. XII e XIII.

Para rematar esta xornada polo corazón da Ribeira Sacra, internarémonos no concello de Carballedo. Seguindo un sendeiro en forte pendente, atoparémonos de cheo coa igrexa de Santo Estevo de Chouzán, declarada Monumento Histórico Artístico en 1950. Este templo foi trasladado pedra a pedra en 1962 para evitar que fose asolagado polas augas do encoro de Belesar. No seu interior, destacan as pinturas que representan o Xuízo Final. Deleitádevos no contorno case máxico. Escoitade o zoar do vento entre as árbores e o murmurio das augas durante unha pequena camiñada.

Día 3º

A terceira xornada pola Ribeira Sacra iniciámola seguindo de novo o río Miño ata o concello de Nogueira de Ramuín para que, chegados aos Peares, mesture as súas augas escuras coas verdes do Sil. Continuamos agora por estradas locais ata ao fermoso e impresionante mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil. A súa construción actual data do século XII, aínda que a súa orixe se remonta ao século X. Situado na ladeira meridional do Sil, o edificio do convento foi totalmente rehabilitado e desde hai uns anos está integrado na rede de Paradores Nacionais.

 

A etapa de esplendor do mosteiro chegou cinco séculos despois da súa fundación cando se retiraron aquí nove bispos santos. A pegada da súa presenza quedou no Claustro dos Bispos, onde atoparedes as súas sepulturas, e no escudo do mosteiro no que se representan nove mitras. O mosteiro, que ten unha fermosa fachada barroca, mostra tamén elementos doutros estilos artísticos froito das sucesivas modificacións que aquí conviven: románico, gótico, renacentista e barroco. Aproveitade e dade un paseo polo interior do edificio para descubrir os segredos deste lugar. No interior da igrexa, destaca o retablo pétreo onde está presente a man dalgún discípulo do Mestre Mateo. Entre as dependencias mellor conservadas do mosteiro destacan a cociña, cunha gran lareira central de pedra, e a escada de honra a carón da portería, cuberta cunha fermosa bóveda de crucería e con nove rosetóns decorados.

O domingo máis próximo ao 11 de novembro ten lugar en Santo Estevo un gran magosto no que se dá conta de castañas asadas dos mesmos castiñeiros dos arredores xunto co viño novo destas terras. Durante a festa, seguro que se escoita o refrán: “Cávame tarde, bímame cedo e pagareiche o que che debo, díxolle a viña ao labrego”.

Afastámonos agora un pouco da corrente do río que nos guía. Chegados ao concello de Esgos, atoparemos as primeiras pegadas do cristianismo en Galicia no mosteiro de San Pedro de Rocas. Se vos animades, percorrede a pé o Camiño Real que vai dende a vila ata o templo e que transcorre por corredoiras con vexetación autóctona que hai anos comunicaban as aldeas da zona. O traxecto vainos preparando para o halo espiritual que envolve a San Pedro, un lugar escollido hai moitos séculos polos anacoretas para o retiro, a oración e a penitencia. Este templo, escavado en rocha viva, acubilla no seu interior un gran tesouro que agarda a que o descubrades: o chamado Mapamundi dos Beatos, único en Europa. Nel amósase a dispersión dos apóstolos de Cristo ao longo do mundo na súa prédica do cristianismo. Ao entrar na igrexa, a sensación é moi similar á de estar nunha cova primitiva. O silencio sepulcral e a penumbra invaden a estancia. Rodeando o templo, poderedes descubrir sepulturas antropomorfas, ás que a pedra, a choiva acumulada e o lique lles dan un verniz máxico. Preto destas tumbas, buscade a milagreira fonte de San Bieito, da que din emana auga capaz de curar as verrugas e de suavizar as engurras.

O seguinte mosteiro que visitaremos é o de Santa María de Xunqueira de Espadañedo. Tras as reformas vividas por estes muros ao longo de máis de 800 anos, o máis destacable desta visita é a igrexa románica con fachada neoclásica e un sinxelo, pero fermoso, claustro no que, cun pouco que exploredes, podedes descubrir tres curiosos reloxos de sol.  

Dirixímonos agora na procura do mellor exemplo monástico de arte renacentista en Galicia, o mosteiro de Santa María de Montederramo. Fundado na primeira metade do s. XII polos monxes beneditinos, axiña pasou a integrarse na Orde do Císter. Especialmente fermoso é o claustro baixo ou de hospedería, construído no século XVI. Paseade con calma sen vos sentir observados polas cabezas humanas esculpidas nos medallóns.

A pouco máis de dez quilómetros deste mosteiro atoparedes un dos meirandes bidueirais de Galicia. Esta árbore era empregada para fabricar apeiros de labranza e as tan características zocas, moi prácticas para camiñar polas corredoiras enlamadas. E, se vos coincide  achegarvos por estas terras arredor do 12 de outubro, non perdades a oportunidade de asistir á Festa da Carne. Esta é unha herdanza da histórica Feira dos bois. Esta gran xuntanza gastronómica xira ao redor da carne de vitela galega ao caldeiro, acompañada doutros produtos da zona.

De camiño ao noso seguinte enclave relixioso, non esquezades facer unha parada para contemplar a grande obra da natureza no canón do río Mao cos seus impresionantes saltos. Seguindo por unha estrada estreita e chea de curvas, chegamos a Parada de Sil onde agardan os canóns máis agrestes e escarpados de toda a Ribeira Sacra. Se o día é claro, moreas de miradoiros vanvos permitir albiscar varios municipios da Ribeira Sacra lucense como pano de fondo. Os máis asonados son “os balcóns de Madrid” dende os que podemos apreciar pendurados sobre o baleiro, a espectacularidade dos canóns, sempre que non teñades medo ás alturas.  

Poñendo fin a esta xornada, e de volta na ribeira do Sil, continuaremos baixo unha bóveda de castiñeiros centenarios ata chegar ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil. Neste lugar case de lenda, a natureza toma o control. No medio do souto atoparedes un conxunto arquitectónico bastante ben conservado, refuxio de monxes e de relixiosos en tempos pasados. Baixade pola pasarela de madeira para atopar o templo case escondido e se hai, aproveitade para abrir algún ourizo e levar nos bolsos saborosas castañas. O silencio e a calma son os protagonistas deste lugar que, de seguro, vos deixará fondamente impresionados. No interior da igrexa, do século XII, hai unhas interesantes pinturas murais renacentistas nas que se retratan varios santos. A fermosura na sinxeleza das formas contrasta co seu espectacular e decorado rosetón que permite que a luz penetre no interior. Outros elementos chamativos son a torre do campanario, que fai as veces de torre vixía coa súa pouco habitual forma de pirámide, o claustro e as lápidas dos primeiros abades. Tampouco van pasar desapercibidos nesta visita os impoñentes miradoiros na procura do profundo río Sil.

Despedimos a Ribeira Sacra co espírito en paz despois de percorrer os seus montes máxicos, onde a natureza salvaxe e a fe conviven en perfecta harmonía. Guiados polas ribeiras do Miño ou ben navegando polo canón do Sil, descubrimos recunchos inaccesibles por terra onde se agochan auténticas xoias medievais entre os socalcos que fan desta terra un lugar moi próximo ao paraíso.

Arriba