Na Ribeira Sacra, berce do monacato galego, sorprenderannos os viñedos dispostos en bancais case verticais e os abruptos canóns, sinal de identidade destas fermosas paisaxes.

Saborear estes viños, perder a vista cara a un abismo de auga ou refuxiarse en verdadeiras xoias do Románico, que foron berce do monacato galego, son parte deste destino, pensado para inundar os sentidos.

A Ribeira Sacra, no interior de Galicia, é como un corazón que bombea vida polos ríos Miño e Sil. Ambos formaron unha paisaxe de abruptos canóns mesturados de bosques autóctonos e especies mediterráneas, debido a un microclima especial. Isto agradéceo especialmente a vide, cultivada aquí en pendentes que parecen desafiar a gravidade.

Máis información...
- Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra. Teléfono: 982 105 303 - www.centrovino-ribeirasacra.com
- Club Náutico de Doade. Teléfono: 982 260 196

Día 1º

Nas orixes da cidade de Monforte

Ao atardecer chegaremos a Monforte de Lemos, capital e centro xeográfico da Ribeira Sacra. Os seus aloxamentos son variados e de excelente calidade.

Conta cun Parador no mesmo lugar onde xerminou a cidade, o Monte de San Vicente, que ocupa as instalacións do mosteiro neoclásico de San Vicente e do Palacio dos Condes de Lemos. Xunto coa Torre da Homenaxe, que se pode visitar, forman un conxunto monumental impoñente que mantén a traza de cidade-fortaleza rodeada por unha muralla, da que aínda se conservan amplos tramos.

Esta atalaia ofrece unha vista privilexiada sobre a cidade. Moi preto e sen saír dos muros pódese percorrer o seu burgo medieval. Aquí asentouse unha importante comunidade xudía, cuxas pegadas se deixan notar nas rúas Zapaterías, Falagueira e Pescaderías e, fóra da cidade amurallada, na Praza de España.

Unha visita ao Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra

Recomendamos a visita ao Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra. Neste edificio histórico desvelarannos todos os segredos da produción vinícola e as variedades autóctonas, que son máis de 90. E a súa tenda ofréceas todas, xunto a unha coidada selección doutros caldos galegos e nacionais. O seu moderno espazo expositivo, dotado de recursos audiovisuais, fotografías, esculturas e pinturas, mostra a extraordinaria singularidade e riqueza natural, artística, climática e paisaxística da Ribeira Sacra. Unha visión de conxunto que nos preparará para absorber ao día seguinte as intensas sensacións que espertan este fermoso territorio.

Despediremos o complexo no seu local de tapas. Podemos regar o padal cun mencía e deixarnos tentar por un toque de cociña de autor, con produtos galegos da máis alta calidade, presentados como tapas creativas. Logo retomaremos o camiño cara ao hotel, onde gozaremos da cea.

Día 2º

Unha aventura polos Canóns do Sil, en catamarán ou en tren turístico

Será necesario un consistente almorzo no hotel para iniciar a aventura polos cañóns do Sil, abruptas rupturas graníticas, símbolo da paisaxe da Ribeira Sacra.

Existen dúas posibilidades de exploración. Unha dende as profundidades do canón, navegando sobre as augas do Sil e a outra a vista de paxaro. Cativadoras e emocionantes por igual, non temos que renunciar a ningunha se nos organizamos ben. Podemos resolver ambas dende Doade, no concello de Sober, a uns 13 quilómetros de Monforte de Lemos pola Estrada LU-903.

A media mañá, dende o seu centro náutico parte un dos catamaráns que percorre as augas do Sil durante dúas horas. Quedaremos perplexos ante a paisaxe que se alza sobre os nosos ollos. Soutos, carballeiras e tamén especies mediterráneas como a oliveira parecen escalar polos desfiladeiros, tinguíndoos dunha gama incrible de vermellos, amarelos e verdes, se é outono.

O berce do monacato galego

Contemplaremos tamén como igrexas e capelas románicas salpican esta orografía. Estamos no berce do monacato galego, con exemplos sobresaíntes como o mosteiro románico de San Pedro de Rocas e os de Santa Cristina e Santo Estevo de Ribas de Sil, este último reconvertido en Parador. O cultivo da vide, que se estende ao longo destes case precipicios, en terrazas, tamén chamadas socalcos, atraerá poderosamente a nosa atención.

Comemos nunha adega típica

Tralo periplo fluvial, seguro que vos esperta o apetito e o desexo de degustar os viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que ampara estas uvas, case todas de variedade mencía. Á hora de comer é inevitable que a enoloxía se poña en pé de igualdade coa oferta gastronómica. Unha alternativa recomendable é recorrer ás adegas de Sober, que ofrecen servizo de restaurante de excelente calidade, co aliciente de gozar de construcións de arquitectura rural tradicional da zona. Non en van, a Ribeira Sacra foi o contorno elixido pola primeira casa de turismo rural que se abriu en Galicia.

O significado da “viticultura heroica”

Despois da sobremesa estaremos listos para vivir novas experiencias, como un percorrido en tren turístico, que parte de Doade. Durante dúas horas iremos serpeando o terreo por pistas asfaltadas que nos elevan polos canóns. É obrigada a parada en miradoiros estratéxicos como o de Amandi, localidade famosa pola súa feira do viño, recoñecida como de interese turístico de Galicia. Dende aquí sorprenderémonos admirando os viñedos en bancais case verticais e entenderemos entón o significado da expresión “viticultura heroica”.

Para repousar as emocións, o percorrido contempla unha parada nunha grande adega, onde catar os seus viños, ao tempo que aprendemos máis sobre a cadea de produción da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. De regreso a Doade é hora de volver sobre os nosos pasos a Monforte de Lemos para descansar no hotel. Antes podemos ir de tapas pola cidade, un costume moi arraigado na zona.

Día 3º

De paseo por Monforte

Despois do almorzo no hotel e se contamos con tempo antes de iniciar o regreso a casa, é recomendable un pequeno paseo polo casco histórico de Monforte de Lemos.

En poucos metros cadrados concentra valiosas sorpresas. Dende dúas obras do Greco, na importante pinacoteca do Colexio dos Escolapios, coñecido como o “Escorial galego”, ata unha das máis importantes coleccións de arte sacra que existen en España, no convento das Madres Clarisas.

Estirar as pernas polo céntrico paseo á beira do río Cabe é outra opción para enchernos de enerxía antes da viaxe de volta. É probable atopar barquiñas de remos polas súas augas mansas, piragüistas e pescadores que darán unha nota de cor á paisaxe.

Arriba