A serra dos Ancares é un dos lugares de Galicia que máis sorprende pola súa beleza. Está situada no este da provincia de Lugo, na fronteira coas comunidades veciñas de Castela e León e O Principado de Asturias.

Día 1º

Xa na estrada LU-722 pasamos pola Borquería ata chegar a Liber, onde collemos o desvío sinalizado cara a Doiras (20 km). Cruzamos de seguido o río Navia, onde temos á nosa dereita a chamada “Ponte do Demo ou de Gatín” (pola lenda vencellada a ela), que dá orixe á localidade: As Pontes de Gatín.

A partir de aquí remontamos o estreito val do río Cervantes, que despois se chama das Casas, pasando por diversas aldeas como Lama de Rei, O Mosteiro, O Fabal ou Vilanova ata chegar á Ponte de Doiras.

Antes de continuar a ruta cara Donís e Piornedo podemos optar por deixar o coche aquí e seguir a pé, con precaución, pola estrada pola que viñamos para achegármonos ao castelo de Doiras . Esa é unha fortificación do século XV que pode ser visitada para coñecer máis da súa historia e da lenda da cerva branca, así como para gozar da paisaxe da contorna.

Dende Doiras collemos a estrada provincial camiño de Donís, pasando por Castelo de Frades, onde podemos ver dous hórreos tipo asturiano con cuberta vexetal. A uns 11 km dende o cruce chegamos a Degrada, que aínda conserva unha palloza teitada. A menos dun quilómetro está Campa da Braña, onde atopamos á dereita o desvío para achegarse ao edificio do Albergue dos Ancares e da Aula da Natureza. Dende aquí parte unha das rutas clásicas de montañismo da comarca: a do Pico dos Tres Bispos, a case que 1800 m de altitude, chamado así porque parece ser que era o lugar onde se reunían os bispos das tres dioceses limítrofes. Nesta zona existen bosques de acivros, árbores de espectacular beleza especialmente cando se tinxen de vermello cos froitos dos pés femias.

Seguiremos o noso camiño cara a Piornedo por unha estrada estreita que vai bordeando os distintos vales, pasando polo lugar dos Cabaniños, no val do río Ortigal. Aquí tendes un panel explicativo do chamado “O Cable”, un teleférico que se construíu a comezos do século XX para a explotación de madeira dos Ancares que se levaba ata O Portelo, de onde continuaba a súa viaxe a Vilafranca do Bierzo en camións.

Tras deixar á esquerda o núcleo principal do lugar de Donís, atoparemos á dereita o desvío que en apenas 2 km nos levará a Piornedo, onde remataremos a primeira xornada.

Día 2º

O noso segundo día de ruta comeza en Piornedo, onde visitaremos as pallozas, o conxunto etnográfico e a capela de San Lourenzo. Xusto na entrada deste lugar está situada unha fonte, construída a través da contribución popular, e na que aparece a seguinte inscrición: "Hízose en 1787. Viva Piornedo". Para aqueles que gocen da montaña, esta localidade é o punto de partida da ascensión ao Mostallar, de 1935 m de altitude. Tras a visita a esta localidade desviámonos no punto onde se encontra a devandita fonte. A quilómetro e medio de distancia entramos na provincia de León. Desde o alto da montaña gozaremos dunhas impresionantes vistas sobre as aldeas de Suárbol e Balouta.

Xusto no stop que atoparemos, antes de continuar cara a Balouta, podemos facer dous pequenos desvíos da ruta principal. O primeiro, dirección Candín e Veiga de Valcárcel para achegarnos ao porto de Ancares, onde deixaremos o coche e camiñaremos 300 metros ata o miradoiro de Balouta, que ofrece unhas boas vistas da contorna. O segundo, collendo a pista da estrada de Suárbol, para visitar as Brañas de Pan do Zarco.

Xa de volta á estrada principal pasaremos por Balouta onde aínda se conservan varias pallozas, xoias da arquitectura tradicional destas terras dos Ancares.

A partir de aquí, nun primeiro treito, seguiremos o curso do río Balouta entrando de novo en Galicia a través dun desfiladeiro. A continuación atoparemos diversas aldeas como son Murias de Rao, Robledo de Rao e Rao, esta última de grande interese etnográfico. A súa igrexa parroquial de Santa María acubilla retablos policromados do século XV.

Tamén é moi frecuente topar “cortíns”, nome co que se denominan as alvarizas nesta contorna. Son construcións pechadas por un muro, xeralmente circular, no que se poñen as colmeas para protexelas dos ataques dos animais, sobre todo dos osos; pero vista a práctica desaparición desta especie, perdeu boa parte da súa funcionalidade.

Continuaremos o noso camiño ata a parroquia da Proba de Navia, fin da segunda xornada nos Ancares.

Día 3º

O día comezarémolo visitando a vila da Proba, na que destacan a súa ponte de arco apuntado que salva o curso do río Navia e o castelo, xa existente no século XI, aínda que a edificación actual data do século XIV con reformas posteriores. Na praia e área recreativa do Vanzado atoparemos o chamado “muíño do Médico”, unha interesante mostra de patrimonio etnográfico.

Despois deste paseo pola localidade collemos a estrada LU-722 en dirección a Becerreá, seguindo o curso do río ata San Martín da Ribeira, onde nos desviaremos á esquerda para percorrer case que 6 km e achegarnos ao castro de Santa María de Cervantes. Situado ao carón da igrexa parroquial, está parcialmente escavado e dá testemuño da presenza de poboación neste territorio dende hai máis de dous mil anos.

Dende aquí temos dúas opcións, volver á estrada xeral pola que viñamos e continuar cara a Becerreá, ou ben continuar pola estrada local camiño de San Román bordeando os vales dos ríos do Castelo e de Quindous pasando polas aldeas de Río do Castro, Vilaluz e Castelo de Cais. Na capital do concello cervantego temos a recreación de dúas pallozas e un hórreo con cuberta vexetal como mostra da arquitectura tradicional dos Ancares.

Máis adiante, a uns 4 km atoparemos o cruzamento da estrada que vén de Navia de Suarna. Collendo á esquerda dirixirémonos a Becerreá, punto final desta terceira etapa e do noso percorrido polos Ancares.

Arriba