MOSTEIRO DE SAN PEDRO DE SOANDRES

Relixioso
3186

Localización

Parroquia: Soandres (San Pedro)

15145  A Laracha - A Coruña

Coordenadas:
43º 13' 39.9" N - 8º 29' 38.9" W

Descrición

Poucos son os datos que se conservan sobre este mosteiro, situación idéntica á sufrida por outros mosteiros situados no ámbito xeográfico da Costa da Morte, onde escasean as noticias referentes ao seu pasado medieval.
Os datos conservados respecto da súa orixe parecen situar a súa fundación no primeiro cuarto do século X. Segundo o historiador López Ferreiro, consérvase nos índices do arquivo de San Martiño Pinario un documento sobre o mosteiro de Soandres, onde viviu o bispo Don Nuño, que fai referencia a unha sentenza dada no ano 922, estando en Soandres co conde Froilán Menéndez.
Lucas Álvarez atribúelles a fundación do mosteiro aos pais de Conde Pelayo, que realizan unha doazón a esta igrexa nun documento datado no ano 990.

Desde a súa fundación este templo beneditino posúe unha notable importancia ao exercer influencia sobre gran parte do que hoxe coñecemos como Bergantiños. 

Ata o ano 1351, e durante catro séculos, o mosteiro de Soandres estaba baixo o padroado de san Salvador. Foi entón cando o rei de Castela, Pedro I, nunha demostración da protección que lle profesaba ao templo, decidiu eximilo de pagar os impostos de “yantare e colleita”. Os monxes, como mostra de agradecemento, cambiaron a dedicación do cenobio a san Pedro.
Foi a finais do século XV e principios do XVI cando o mosteiro comeza a perder privilexios debido á reforma dos Reis Católicos. O templo convértese nesta época nun priorado dependente do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, unión confirmada polo papa Alexandre VI o 1 de outubro do ano 1500.
A vida monástica finaliza o 6 de decembro do ano 1835. O mosteiro perde as súas propiedades e a súa función limítase, desde entón, á de igrexa parroquial.

Hoxe en día consérvase o conxunto arquitectónico que conforma a igrexa e a casa reitoral. As reformas realizadas, especialmente durante os séculos XVII e XVIII, dotárono de diferentes estilos arquitectónicos. O barroco das naves fusiónase con natural harmonía co gótico da cabeceira e cos restos románicos, en elementos do muro norte, do templo primitivo.
Os altares das capelas absidais ao lado da Epístola e do Evanxeo atopáronse durante os traballos realizados para cambiar a pavimentación das capelas laterais, unha vez desmontados os sotobancos dos retablos. Son dúas mesas de altar con cinco soportes cada unha, catro en posición angular e un en posición central, que suxeitan a táboa da mesa de altar. A atribución destas mesas como altares susténtase en que os soportes centrais que sosteñen a táboa conteñen uns depósitos relicarios, situados nos ocos existentes no interior do propio soporte central. Na mesa do lado do Evanxeo atopouse unha caixa de madeira de sección circular na que se custodiaban envolvidas nun pano vermello dúas lipsanotecas. Con todo, na da Epístola non apareceu ningún relicario senón que este espazo acubillaba unhas cinzas. Crese que estes altares serían obra da segunda metade do século XIV, e son unhas estruturas pétreas únicas en Galicia de cronoloxía gótica.

Por último, cabe destacar a existencia no seu interior dunha imaxe de santa Marta en pedra policromada e de feitura rústica, procedente da antiga capela do mesmo nome, situada no couto de Santa Marta. Tamén existe outra imaxe das mesmas características que representa a santa Lucía.

Acceso

Dende Laracha dirección Cerceda e despois de percorrer 7 Km. desviámonos cara á dereita seguindo os sinais e subindo ata o lugar de Vilanova onde se acha a igrexa de antigo convento.
Arriba