FOGÓN RETIRO DA COSTIÑA

Restaurantes - 4ª Categoría - 1 Garfo
2296
Galicia Calidade
Calidade Turística
No Camiño de Santiago

Localización

Avenida Santiago 12

15840  Santa Comba - A Coruña

Coordenadas:
43º 01' 59.9" N - 8º 48' 12.9" W

Descrición


    A orixe de Retiro da Costiña remóntase a 1939, cando os avós de Manuel Costiña, actual chef, abriron unha casa de comidas. Tras eles, a substitución tomouna a súa nai, coa que aprendeu técnicas da cociña tradicional, caracterizada por tempos lentos, á vez que educou o padal empapándose daqueles sabores.

    Costiña está á fronte dun equipo de trece persoas que dende cedo se move nunha cociña na que se recibe o produto, límpanse e preparan vexetais, carnes e peixes, cocíñanse os fondos e enfórnase pan de trigo e centeo autóctonos.

    Defensor da materia prima de proximidade, o peixe e o marisco co que traballa provén de Lira, Muros, Carnota ou Fisterra, mentres que as verduras e hortalizas fornécenllas pequenos produtores que non distan máis de dez quilómetros de distancia. Nunha zona de interior como é Santa Comba, onde predominan extensións de pastoreo, non poden faltar a tenreira e os produtos lácteos da máis alta calidade.

    O menú Garatuxa adáptase a cada tempada e a súa degustación permite ir coñecendo diferentes espazos da casa, como a trastenda ou a sala. Pensado para gozalo con calma, nel non falta a anchoa de Santoña e aceite tépedo e, para quen o solicita, o ovo escalfado, xa que ambos os pratos forman parte do receitario dende hai anos. O complemento perfecto para as delicadas presentacións son as pezas que lles fabrica en exclusiva Sargadelos, afamada cerámica galega.

    O viño e os licores teñen unha gran importancia neste restaurante. A adega, na planta baixa, é un espazo contemporáneo onde se prima a conservación da numerosa selección de referencias internacionais. No club de fumadores da segunda planta, os comensais poden elixir durante a sobremesa entre máis de mil referencias de licores e destilados, así como dunha selecta cava de puros. A cheminea caldea o ambiente nos meses máis fríos.

    A oferta do restaurante complétase coa construción de sete vilas, cada unha leva o nome dun castro da zona, situadas a escasa distancia deste. Situadas en plena natureza, rodeadas dunha plantación do tradicional millo corvo, replican o número de mesas que hai na sala e locen un coidado mobiliario e decoración nos que se utilizaron materiais de orixe local para conseguir que a estancia sexa o complemento perfecto á experiencia gastronómica. 

Camiños de Santiago

Camiño de Fisterra-Muxía

Estrelas Michelin

Estrelas Michelin: 2 Estrelas Michelin

Soles Repsol

2 Soles Repsol

Accesibilidade

Grao de Accesibilidade: Practicable

Documentos de accesibilidade (2018):
Arriba