CAPELA DE SANTA BAIA

Relixioso
653
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Cornoces (San Martiño)

Lugar: Santa Baia s/n

32170  Amoeiro - Ourense

Coordenadas:
42º 25' 10.0" N - 7º 58' 16.1" W

Descrición

Trátase dunha capela de moi reducidas dimensións e de planta rectangular construída en perpiaños de pedra de diferentes tamaños e formas labrados pola cara exterior e pola interior. A súa cuberta é a dúas augas e está rematada por unha cornixa de pedra. A súa fachada está coroada por unha pequena espadana rematada nunha cruz antefixa e presenta unha pequena e modesta porta de acceso con lumieira; a capela só ten unha pequena fiestra cadrada no muro meridional que ilumina tenuemente o seu interior. O elemento máis característico desta capela é a presenza dalgúns elementos de orixe prerrománica e/ou tardorrománica, tales como unha pedra decorada con motivos trenzados moi propios da cultura castrexa –que, segundo os investigadores, se situaba nas lumieiras das vivendas cunha posible función protectora– que se atopa na testeira da capela; e unha ara votiva dedicada aos lares viais –entes pagás protectores dos viaxeiros e camiñantes– do período tardorromano, que está a ser empregada desde tempos inmemoriais como pía bautismal.

Acceso

Desde o Concello, tómase á dereita pola OU-0524 ata chegar ao conxunto de canastros á saída do núcleo de Amoeiro. Tómase entón a vía que se abre á dereita, pola que se continúa uns 3 km, ata chegar ao lugar de Santabaia. No cruce coa OU-0523 que leva ao veciño concello de Maside, tomar á dereita e continuar 1km máis. Debe estacionarse o vehículo na estrada, antes de chegar a unha pequena ponte que cruza o río Barbantiño. Un camiño á man dereita da estrada leva a través da fraga ata a capela, situada no medio do monte a uns 300 m vía principal.

Camiños de Santiago

Vía da Prata

Estilos

Rexionalista
Prerrománico
Arriba
Axúdanos a mellorar!