SANTA CATALINA DE MONTEFARO

Relixioso
6050

Localización

Parroquia: Cervás (San Pedro)

Lugar: Montefaro

15624  Ares - A Coruña

Coordenadas:
43º 27' 02.9" N - 8º 16' 55.9" W

Descrición

Finais do século XIV:

Chégase a el desde Cervás ou desde Mugardos, collendo un desvío preto do castelo da Palma. Pertence ó Arciprestado de Bezoucos, que comprende toda esta península. A fundación deste mosteiro remóntase ao 3 de agosto de 1393, da man do cabaleiro don Fernán Pérez de Andrade "O Bo", mediante un documento asinado polo arcebispo compostelán Xoán García Manrique, en Burgos.

No documento concedíanselle a Fernán Pérez de Andrade a Orde de San Francisco e abundantes privilexios económicos que, engadidos ás terras da península formada por Ares e Mugardos, lle outorgan ao abade do mosteiro, frei Lope Mantenga, o control eclesiástico das parroquias de Cervás, Caamouco, a ermida de Chanteiro, Franza e o territorio que comprende o actual Mugardos e parte de Miño, Neda e Ferrol.

Pero o importante peso que exerce o mosteiro sobre a vida dos habitantes da vila e o límite de Mugardos será a causa de que a finais do século XVIII estes se opoñan á súa influencia. O mosteiro chegou a albergar 30 relixiosos no momento de maior esplendor, que se viron reducidos a oito na exclaustración de 1836. No ano 1837 coa desamortización de Mendizábal, os franciscanos desaparecerán definitivamente, e finalmente as súas dependencias pasarán a mans do exército, que instalará no mosteiro unha dotación estable. Este mosteiro pasou a mans do concello o 27 de xaneiro de 2000, mediante un acordo entre o exército e o propio consistorio.

Co paso dos séculos a estrutura arquitectónica do mosteiro sufriu diferentes reformas, pero sábese que a súa construción inicial é basicamente románica. A distribución orixinal compoñíase dun adro, detrás dun cruceiro que indicaba a entrada; na súa parte central erguíase unha torre con portadas de santa Ana e san Francisco. Dos dous claustros o mellor conservado é o situado na parte posterior da igrexa, de estilo renacentista. Este claustro ten cinco arcos de medio punto en cada un dos seus lados, apoiados sobre pilastras con outros piares intermedios que sosteñen a cornixa do tellado. Na segunda planta leva unha ventá sobre cada arco co fin de iluminar a galería superior. Nas modificacións realizadas no século XVII a planta da igrexa foi substituída por unha nave de cuberta única con bóveda de canón sobre arcos con vidros sobre o altar maior.

O retablo que preside o interior é de madeira policromada con esquemas de ornamentación barroca. Na actualidade algunhas das imaxes están nas igrexas ferrolás do Socorro, San Xiao e San Francisco. No interior do mosteiro pódense observar restos dalgunhas obras como capiteis, estatuas, fragmentos de arcos, lápidas de sepulcros, etc. Outros restos esculturais do século XVI pertencentes a este mosteiro atópanse na actualidade no Museo Arqueolóxico de Santo Antón, na Coruña.

Acceso

Dende Ares seguir a estrada Ares-Chanteiro, ao chegar a Cervás tomar pola rúa da igrexa cara a arriba pasando por Leiro ata chegar ao mosteiro.

Estilos

Barroco

Orden Relixiosa

Hoxe sen orde relixiosa
Franciscanos
Arriba