DE PUNTA DE MORÁS Á PRAIA DE SUCASTRO

Paseos
1171

Localización

Xove - Lugo

Coordenadas:
43º 43' 24.2" N - 7º 28' 21.7" W

O Paseo

De punta de Morás á praia de Sucastro
Os cantís de papel

Comezaremos a ruta no cabo Morás e, na contorna do punto de inicio chama a atención a presenza de numerosísimas e xigantescas pezas de formigón que foron no seu día usadas para construír o porto de San Cibrao.

Dende aquí poderemos observar ao leste os illotes Farallóns e ao oeste As Salseiras e o illote de Ansarón que, cos seus 80 m de altitude e 10 hectáreas de extensión, é unha das illas máis grandes da costa lucense e lugar de cría de aves mariñas como a gaivota patiamarela, o corvo mariño ou as gavitas.

Camiñaremos á beira dos cantís de Morás que, cunha altura aproximada de 32 m, percorren a costa dun mar Cantábrico que golpea con forza para moldear as rochas como se de papel se tratase, polo que popularmente son coñecidos tamén como os Cantís de Papel.

Aínda que o paseo proposto ten unha lonxitude de algo máis de 2 km ata a praia de Sucastro, podemos continuar a ruta ata o faro de punta Roncadoira, para o que haberá que camiñar 5 km máis. Unha vez alí recomendamos a subida ao monte Castelo para visitar dous dos bancos máis fermosos de toda a nosa xeografía, os bancos de Nacente e Poñente, lugares privilexiados dende onde desfrutar do amencer e o solpor, así como das vistas dun amplo treito da costa da Mariña Occidental entre San Cibrao e monte do Faro.

Características

Lonxitude: 2,3 km (só ida)
Punto de Inicio:
Cabo Morás 43º43'24.20"N / 7º28'21.79"W
Punto de Fin:
Praia de Sucastro 43°43'21.92"N / 7°30'9.97"W

Accesibilidade a ter en conta

Terreo abrupto
Treitos de pendente forte

Tipo

Ollando o mar
Data de recollida inicial: 01/01/2021
Arriba