DA PONTE DA CRUZ AO POZO DOS FUMES

Paseos
1032

Localización

Boborás - Ourense

Coordenadas:
42º 23' 43.7" N - 8º 08' 36.1" W

O Paseo

Da ponte da Cruz ao pozo dos Fumes
Camiños do Ribeiro

Temos dúas opcións para facer esta ruta, unha sería deixar o vehículo en Pazos de Arenteiro e achegármonos ata á ponte do Sepulcro para continuar río arriba. Pero a que vos propoñemos sería iniciar os nosos pasos na chamada ponte da Cruz, apenas queda un arco sobre o río Avia, que deberemos cruzar con coidado. Unha vez aquí, seguiremos o curso do río Arenteiro dende a súa desembocadura no Avia por un camiño que estará alfombrado de follas en outono.

O son das súas augas vai acompañarnos durante todo o percorrido, no que atoparemos paredes de pedra seca, (forma tradicional de levantar muros) cubertos de vexetación, as ruínas dun muíño e o cruce do camiño que sube á aldea de Cabanelas. De seguido cruzaremos a chamada ponte do Sepulcro, en cuxa arcada maior atopamos gravada na clave a Cruz do Santo Sepulcro, antiga orde monástica que pasou a chamarse de San Xoán, que tiña unha encomenda na aldea próxima de Pazos de Arenteiro. Colleremos o carreiro que vai pola marxe dereita do Arenteiro, con varios treitos en pasarela, nos que haberá que prestar atención para non esvarar. Os últimos pasos lévannos ata un penedo con varanda no que poder gozar do espectáculo da fervenza denominada pozo dos Fumes e da piscina natural que forma tras a súa caída.

O regreso farase polo mesmo sendeiro gozando do espectáulo do bosque de ribeira dominado polos amieiros pero no que tamén atoparemos carballos, castiñeiros e algún érbedo, sinfonía de cores no outono e explosión de verdes na primavera.

Características

Lonxitude: 1,2 km (só ida)
Punto de Inicio:
Ponte da Cruz (42°23'43.55''N / 8°8'36.00''O)
Punto de Fin:
Pozo dos Fumes (42°24'14.39''N / 8°8'22.56''O)

Accesibilidade a ter en conta

Desniveis con escaleiras
Zonas de terreo esvaradío

Tipo

Ao carón do río
Data de recollida inicial: 01/01/2021
Arriba