FERVENZAS DO ALMOFREI

Fervenzas
389

Localización

Parroquia: Almofrei (San Lourenzo)

Cerdedo-Cotobade - Pontevedra

Coordenadas:
42º 25' 59.7" N - 8º 32' 39.9" W

Descrición

No río Almofrei (afluente do Lérez) podemos atopar varias fervenzas con saltos entre os 6 e 10 m, entre os lugares de Portamuíño (concello de Pontevedra) e Xesteiras (concello de Cotobade). 
Para chegar á fervenza de Ponte Almofrei, debemos ir ata a igrexa de san Lourenzo, no lugar da Arrotea, e aí deixar o coche para baixar a pé polo camiño que leva á área recreativa, a carón do río. Alí atoparemos unha ponte do século XVI, dun só ollo de arco de medio punto lixeiramente apuntado, baixo a que se precipita un pequeno salto de auga e discorre o río con forza, formando numerosos rápidos.
Á fervenza de Bora chégase pola estrada que une Pontevedra e Cotobade. No desvío a Portamuíño deixamos o coche e seguimos pola pista de terra da esquerda que leva ata unha levada antiga pola que se remonta o río e camiñaremos durante 1,2 km. Tamén se pode chegar a ela facendo a chamada ruta do Almofrei (7 km dende Ponte Bora).
Poderemos ver outro salto de auga indo ata A Fontenova e baixando pola pista de cemento que vai á central hidroeléctrica. Tomamos o desvío da esquerda pasando polos prados e atravesando un bosque para baixar despois remontando o río pola outra beira, entre penedos, por un terreo con bastante pendente. As fervenzas están, aproximadamente, a 1 Km.
O acceso non ofrece dificultade e a ruta está sinalizada. É apta para facer con nenos. Aínda que no verán os saltos levan pouca auga poderemos gozar nas numerosas pozas. 
Data de recollida inicial: 01/06/2021
Arriba