IGREXA DE SANTA MARIÑA DE XUÑO

Relixioso
1083

Localización

Parroquia: Xuño (Santa Mariña)

Lugar: O Campanario

15970  Porto do Son - A Coruña

Coordenadas:
42º 38' 18.9" N - 9º 01' 31.9" W

Descrición

Esta igrexa do s. XII sufriu bastantes modificacións, da fábrica orixinal só conserva a capela maior. É de planta de cruz latina, a nave principal cóbrese con bóveda de canón rebaixada e nos seus muros abríronse dous arcos de medio punto sobre pilastras para dar paso ás capelas laterais xemelgas que se engadiron nos laterais. Accédese ao presbiterio por un arco de medio punto dobre que se apoia en semicolumnas con capiteis con motivos vexetais, estes elementos pertencen á primitiva fábrica románica. O presbiterio cóbrese con bóveda de canón e dende este accédese á sancristía, engadida no lateral norte. No exterior, a cuberta é a dúas augas que se completa cunha cornixa sostida por canecillos labrados. A fachada principal, de grande orixinalidade, ten un pórtico dividido en dúas alturas, engadido para apoiar a espadaña. Dúas robustas columnas na porta principal sosteñen outras dúas nas que, á súa vez, se apoia o campanario, formado por dúas arcadas moi esveltas e que remata en frontón. No segundo corpo hai un rosetón abucinado e a imaxe da Virxe sobre unha ménsula.

Acceso

Tomando a C-550 dende Porto do Son en dirección Ribeira chégase a Xuño. Tomaremos, á esquerda, unha pista asfaltada, ao lado do Bar Las Palmeras, e a uns 150 m. atoparemos a igrexa.
Arriba
Axúdanos a mellorar!