SANTUARIO DE SAN CAMPIO DE LONXE

Relixioso
450

Localización

Tomiño - Pontevedra

Coordenadas:
41º 57' 49.3" N - 8º 46' 19.2" W

Descrición

O Santuario de San Campio de Lonxe, tamén coñecido como San Campio do Monte, foi construído en 1804, sobre unha antiga capela dedicada a Santo Antonio de Padua. Entre 1871 e 1874 foi obxecto de obras de reforma. Xa no século XX, en 1974 e 1993, recibiu as últimas modificacións. Os seus elementos máis interesantes son a fachada, as torres (con balaustrada, campanario e estilizado remate) e o cruceiro situado no exterior. Xa no interior fixarémonos de modo especial no altar e a imaxe de San Campio, unha talla realizada no século XVII. O santuario dispón de catro altares laterais e varias capelas. Na "penitencial" e na de "as ceras e as ofrendas" veremos tallas de distintos autores.
O santo Campio foi un soldado romano que, debido á súa condición de cristián, sufriu martirio no ano 306 d.C., indo o seu corpo descansar ao cemiterio de San Calixto (Catacumbas) de Roma. Di a tradición que a súa esposa Arquelaida e os seus fillos correron a mesma sorte ao confesar a súa fe. En virtude da súa antiga ocupación, San Campio é o protector dos mozos que ingresan no exército. Os soldados acoden ao santuario e ofrécenlle ao santo a súa gravata, coa esperanza de ser protexidos dos perigos que poidan correr.
O apelativo "de Lonxe" débese a que os fieis acoden a este santuario percorrendo grandes distancias a pé. Ademais, en relación a outros lugares onde se venera este santo, o Santuario de San Campio é un lugar bastante apartado e remoto.
Os romeiros atribúenlle ao santo facultades curativas en enfermidades de todo tipo, tanto do corpo coma do espírito. En función do mal que se sufra, colocarase no altar do santo unha figura de cera determinada: cabeza, pé, man, peito, etc. Outra das moitas tradicións do lugar establece que o romeiro lle ofreza ao santo o seu peso en cereais ou sal, operación para a que se dispón dunha antiga balanza romana.
Arriba