VILA DE CAMARIÑAS

Etnográfico
2602

Localización

Camariñas - A Coruña

Coordenadas:
43º 07' 49.0" N - 9º 10' 50.2" W

Descrición

Esta localidade, situada á entrada da ría do mesmo nome, é considerada un remanso de calma na ameazante costa que a rodea. Goza da protección da Punta da Barca e do Cabo Vilán. O núcleo de poboación conserva numerosas casas tradicionais e nas súas pequenas rúas respírase o ambiente dos antigos pobos mariñeiros.
A Camariñas coñéceselle hoxe en día como o berce do famoso encaixe de palillos, realizado de forma maxistral polas mulleres do lugar. Algunhas fontes sinalan que foi unha viaxeira italiana quen introduciu nestas terras o oficio da palilleira, mentres que outros indicios sinalan aos Países Baixos como orixe desta arte. Sexa como for, o certo é que, quen chegue a esta localidade, fará ben en non se perder o espectáculo destas mans hábiles, cruzando fíos con destreza e cariño para dar vida a delicadas pezas.
No Museo do Encaixe poden verse mostras de Camariñas e doutros lugares do mundo, algunhas con séculos de antigüidade, así como os utensilios empregados na súa elaboración. Durante os días de Semana Santa celébrase a "Festa do Encaixe", á que acoden artesás de diversos países. Entre as súas actividades inclúense as exhibicións, a venda e os concursos. En resumo, Camariñas soubo respectar a tradición dunha arte ancestral, revitalizándoa de cara ao futuro.
Arriba