MUSEO DO MAR

Museos e coleccións
1466

Localización

Rúa Pracer 5

15117  Laxe - A Coruña

Coordenadas:
43º 13' 18.5" N - 9º 00' 21.7" W

Descrición

O Museo do Mar de Laxe está situado no inmoble que ocupou a antiga casa cuartel da Garda Civil da localidade, no que aínda son visibles elementos dunha casa tradicional galega (lareira, lavadoiro de pedra, latrina...). Ten catro plantas [planta baixa, planta 1ª e planta 2ª, e Baixo cuberta] e está adaptado para persoas con discapacidade. Ten ascensor, baños, sala polivalente para conferencias etc.
O seu contido xira arredor de dous eixos básicos, que son a historia da vila de Laxe e das comarcas de Bergantiños e Soneira desde finais do século XIX e todo o século XX; cunha especial atención á divulgación da cultura marítima e á preservación da memoria socio cultural da zona. Polo tanto, este patrimonio antropolóxico, histórico e visual constitúe o soporte fundamental da colección que alberga.
O patrimonio fundamental do Museo son o conxunto de fotografías procedentes do arquivo fotográfico de Plácido Vidal (1867-1956) e do seu fillo José Vidal García (1900-1988), que forman parte da colección permanente do centro. No DOG núm. 177 do Mércores, 18 de setembro de 2019 publicouse o DECRETO 108/2019, do 18 de xullo, polo que se declara ben de interese cultural o Arquivo Fotográfico Vidal. Este arquivo está composto por 67.000 imaxes que reflicten a historia do concello de Laxe e gran parte da Costa da Morte (comarcas de Bergantiños e Soneira) ao longo de máis dun século. 
Ademais, o Museo do Mar de Laxe dispón, como parte da súa colección permanente, do fondo fotográfico de José María Vidal Eiroa, totalmente dixitalizado e que contempla unhas 73.000 fotografías. O seu ámbito cronolóxico abarca as catro últimas décadas do século XX (anos 60, 70, 80 e 90 do século XX), e o seu ámbito territorial abarca o conxunto da Costa da Morte, aínda que as comarcas de Bergantiños e Soneira son as que amplamente aparecen representadas.
A parte deste sobranceiro arquivo gráfico, o museo dispón tamén de diferentes pezas relacionadas coa carpintería de Ribeira, coa vida e a profesión do ilustre xeólogo Isidro Parga Pondal, elementos procedentes do laboratorio fotográfico dos Vidal de Laxe, documentos persoais dos fotógrafos locais, e documentación variada relacionada coa historia local e comarcal, desde o Estatuto da Sociedade de Emigrantes de Laxe na Arxentina ata o Estatuto do primeiro Sindicato Agrario de Laxe (Anos 20), as Actas da xunta revolucionaria de Laxe (revolución A Gloriosa de 1869); un diploma de patrón de cabotaxe de 1861, ou documentación sobre o estanco da Sal do desaparecido Alfolí de Laxe, entre outros.
Consulta prezos e horarios en: https://turismolaxe.gal/museo-del-mar

Máis información

https://museos.xunta.gal/gl/laxe
Patrimonio cultural Museos e coleccións Museos e coleccións visitables
Data de recollida inicial: 31/03/2012
Arriba
Axúdanos a mellorar!