Unha vez en terra: A proximidade da capital provincial non lle fixo perder a Marín
a súa personalidade e aproveita con habilidade as súas bazas
turísticas. Trátase do gran porto pesqueiro e comercial da ría
de Pontevedra; o seu tráfico de mercadorías é un dos máis
importantes de Galicia. O seu nome vai asociado ao da Escola
Naval Militar e ao buque escola Juan Sebastián Elcano,
quizais amarrado a porto tras unha nova volta ao mundo.
A navegación deportiva recala en Aguete: porto, praia e pobo.
A costa é unha sucesión de beiras rochosas, nítidas augas e
limpos areais protexidos pola vexetación. En praias coma a de
Mogor, atopamos un interesante conxunto de petróglifos co
seu misterioso labirinto, en bo estado de conservación e accesible
en primeira liña de costa. A illa de Tambo que agora
no interior da ría, déixase cobizar polas miradas.
Cara ao interior da península do Morrazo, a área recreativa do
alto de Cotorredondo e da lagoa de Castiñeiras ofrece
un miradoiro natural sobre as Rías Baixas.
Aproximación de noite: Procederemos de igual xeito tendo en conta o balizamento:
Vindo do Sur navegaremos á procura da boca de entrada na ría de
Pontevedra do SW, a que pasa entre o faro de punta Couso (GpD(3)BV
10,5s 20m B10M V8M) e o da illa de Ons (GpD(4)B 24s 127m 25M).
Estando na oposición dos mesmos navegaremos rumbo 040º aprox.
ata ter á vista polo costado de estribor a luz verde (GpD(2)V 7s 12m
5M) do baixo Cabezo da Mourisca, situada a pouco máis de media
milla ao NE do cabo de Udra. Continuamos a navegar cara ao NE
rumbo a pasar xunto á luz vermella (IsoR 5s 4M) da boia do baixo
Cabezo de Mozarrán. Con esta polo costado de babor xa teremos á
vista, pola proa, a luz do faro (GpOc(3)B 8s 35m 11M) de punta Tenlo
Chico da illa do Tambo e a da boia do emisario submarino (GpD(4)A
11s 5M) situada a pouco menos de media milla ao E de punta Tenlo,
e pola amura de estribor as luces verdes (GpD(4)V 11s 3M e GpD(2)V
7s 1M) que balizan a entrada a porto.
Aproximación de día: O Real Club de Mar de Aguete encóntrase na costa SE da ría de
Pontevedra, entre Marín e punta Loira, ben visible desde o mar pola
cantidade de barcos fondeados e os espigóns. Para chegar ata el
non hai máis que seguir calquera das entradas na ría. A continuación
descríbense ás súas canles de acceso:
• A primeira delas pasa entre o baixo Faxilda e o Picamillo, sóndanse
entre 9,4 m e 15 m e é a principal para entrar pola boca do NW.
Para tomar este paso abonda con levar enfilado ao 325º o monte
Facho -en Corrubedo- co máis saínte cara ao mar da península do
Grove.
• A segunda das canles pasa entre os baixos dos Camoucos e a illa
de Ons, a penas ten 0,3 M de ancho e sóndanse entre 7 e 15 m.
Estes baixos están balizados, así que non haberá máis que achar
a media do paso entre a illa de Ons e a baliza. Se pasada a canle
quérese continuar a navegar preto e paralelamente á illa de Ons
para o S, haberá que afastarse desta polo menos 400 m.
• A terceira das canles é a que pasa pola boca do SW, é a máis
segura e a única abordable con calquera tipo de mar.
Unha vez dentro da ría navegaremos cara ao interior deixando pola
aleta de estribor a enseada de Bueu percorrendo a costa SE da ría o
suficientemente próximos á terra para poder ver as instalacións do
club de mar.