SERRA DA ENCIÑA DA LASTRA

Espazos naturais
187
No Camiño de Santiago

Localización

Rubiá - Ourense

Coordenadas:
42º 30' 45.5" N - 6º 56' 06.5" W

Descrición

O tesouro do Sil
A Serra da Lastra é o oriente natural de Galicia. Aquí a aciñeira é unha árbore con historia de seu. Fálanos de clima mediterráneo e dos solos calcarios que precisa para existir. Por iso resulta escasa no resto do territorio galego. Dá nome ao parque natural pois disque unha enciña de grandes dimensións servía outrora de guía aos viaxeiros por estas encrucilladas. É só unha historia, pero unha aciñeira coma esa pódese admirar nun predio próximo ao cemiterio de Covas, e conta co recoñecemento de árbore senlleira.
Acompañan á aciñeira outras especies de tipo mediterráneo: sobreiras, rebolos, amendoeiras e oliveiras. Tamén falamos dos castiñeiros e recuamos dous mil anos. Daquela pasaron os romanos que levaron destes montes o ouro para enriqueceren o imperio. Deixaron a cambio dous tesouros: a lingua e os soutos das castañas, elementos maxistrais desta paisaxe.
A ninguén deixará indiferente a beleza das torres montañosas dos Penedos do Oulego, as formas do cavorco do Val do Inferno, os cortados de Pena Falcueira. O Sil divide este sistema montañoso xerando un canón de fortes pendentes. O estreito de Covas constitúe a experiencia estética dos viaxeiros que atravesan en tren a comarca.
E aínda nos sorprenderá o interior da terra coas “palas”, palabra de orixe prerromana que significa covas. Aquí está a meirande rede de cavidades subterráneas da comunidade e as maiores colonias de morcegos nas preto de duascentas simas e covas censadas. Algunhas de gran lonxitude, como a cova da Zorra (600m) e fitos na espeleoloxía galega como a Pala de Xilberte, a do Pombo, a de Trasmonte ou a pala de Tralapala.

Acceso

Atravesa o Parque Natural por Covas a estrada N-120 Ponferrada-Ourense e a liña ferroviaria. Rodea a serra desde a N-120, cara ao norte, a comarcal OU-622. Tamén desvío cara a Biobra.

Camiños de Santiago

Camiño de Inverno

Tamén che pode interesar

Natureza Espazos naturais Zona especial protección de aves (ZEPA)
Arriba