Unha vez en terra: Cara ao nordeste a ría estreitase en Rande, onde é atravesada
pola autoestrada que une Vigo co norte de Galicia grazas a unha
espectacular ponte tensada que, a xeito de gran batea, fúndese
harmoniosamente coma as que cobren a superficie mariña da súa
contorna. Tras o estreito xorde a parroquia de Santo Adrán de
Cobres, que descansa fronte á protexida enseada de San Simón declarada Lugar de Importancia Comunitaria da Rede Natura
2000. Nesta enseada emerxe a histórica illa de San Simón que,
por estar algo afastada da costa, foi habitada nun principio polos
templarios, posteriormente albergou un mosteiro e despois un
lazareto. De 1936 a 1943 foi utilizada como cárcere para presos
políticos e na actualidade é un espazo rehabilitado para usos
culturais.
Consérvase neste municipio de Vilaboa un dos Entroidos máis
vistosos, cos seus personaxes de Damas e Galáns engalanados
con fermosura. Nos seus montes existen excelentes miradoiros
sobre as rías de Pontevedra e Vigo desde os que se pode ver a
de Arousa. Este é o caso do miradoiro do alto de Cotorredondo
(525 m).
Aproximación de noite: Procederemos de igual xeito tendo en conta o balizamento:
Vindo do S navegaremos á procura da luz do faro das illas Cíes
(GpD(2)B 8s 187m 22M) e a do cabo Silleiro (GpD(2+1)B 15s 82m
24M). Cando teñamos esta última por estribor, navegaremos ata pasar
entre a baliza do illote Boeiro (GpD(2)R 8s 23m 5M) e o punto
cardinal W (GpCt(9)B 15s 5M) dos illotes das Serralleiras. Situados,
navegaremos seguindo a enfilación 069º do cabo Estai (ant. IsoB 2s
18m 18M e post. a 660 m da ant. OcB 4 50m 18M) ata estar na oposición
da luz de punta Lameda (GpD(2)V 8s 29m 5M) e cabo Vicos
(GpD(3)R 9s 94m 10M). Situados, navegaremos ao 040º á procura
da luz do baixo Tofiño (GpD(4)V 14s 11m 5M) e a da pedra Borneira
(GpD(2)R 7s 13m 7M). Deixando por babor as da boia do Baixo Rodeira
“10” (GpD(3)R 9s 5M) e a do baixo Salgueirón (GpD(2+1)R 15s
5M) e por estribor as do porto de Vigo, navegaremos a pasar ao S
do baixo Con de Pego (GpD(4)R 11s 9m 5M) á procura das do porto
do Con (GpD(4)R 11s 11m 5M) e Moaña (GpD(3)R 9s 9m 5M), xusto
entre as que se atopa o porto deportivo Moaña Mar, coas súas luces
vermella e verde de entrada a porto.
Aproximación de día: As instalacións portuarias do Porto de Santo Adrán de Cobres encóntranse
na costa N da ría de Vigo. Para arribar a porto entraremos na ría
pola canle S, a principal, seguindo o rumbo marcado pola enfilación
do cabo Estai, e despois de ter superado a oposición punta Lameda
– cabo Vicos poremos rumbo ao 041º que nos marca a enfilación da
torre-baliza Borneira (ao S do cabo Balea) coa torre da praia Rodeira
e o monte-faro Domaio. Unha vez teñamos a illa de Toralla ao través
de estribor, poremos rumbo para deixar a baliza do baixo Tofiño por
estribor e, posteriormente, continuaremos a navegar cara ao interior da ría deixando a boia do baixo Rodeira e a do Con de Pego polo
costado de babor para ter xa pola proa as instalacións do porto do
Con, Moaña e Moaña Mar.