SANTA MARÍA DE FERREIRA

Relixioso
13273
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Ferreira de Pantón (Santa María)

Lugar: A Vila do Mato

27430  Pantón - Lugo

Coordenadas:
42º 30' 30.9" N - 7º 37' 12.9" W
+34 982 456 155

Descrición

O Mosteiro das Madres Bernardas, primeiro beneditino, cisterciense despois, sempre reservado a mulleres, conta coa peculiaridade de ser o único de toda Galicia que conservou a súa función desde a súa creación ata o presente. Ao chegar o século XIX continuou coa actividade que lle era propia, sen verse afectado pola Desamortización de Mendizábal. 
Este conxunto arquitectónico foi levantado en varias etapas ao longo de cinco séculos. A igrexa románica está datada no século XII. O claustro é unha obra do século XV. O resto dos espazos foron construídos no século XVIII.
Está rodeado por unha sólida muralla. Sobre a porta de acceso ao recinto, flanqueada por dous contrafortes a modo de piares, vemos o escudo da Orden do Císter de Castela. O mosteiro, un edificio de dous andares realizado en pedra de cantería de granito, dispón dun claustro de dous corpos, con arcos de medio punto apoiados sobre capiteis alcarreños. Este espazo acolle o sepulcro da condesa dona Fronilde, abadesa do mosteiro durante a súa época de maior esplendor no século XII.
A igrexa forma un ángulo recto coa fachada do mosteiro. É de planta rectangular, cunha soa nave e ábsida semicircular. Entre as figuras que se gardan no seu interior destaca unha escultura en madeira policromada da Virxe co Neno. Tamén poderemos ver os sepulcros de don Diego de Lemos, dirixente das revoltas irmandiñas, e o seu fillo.
Para completar a nosa visita, no mesmo mosteiro pódense adquirir guías do lugar e repostería elaborada polas monxas.

Acceso

Dende a capital do municipio a 400 m, na N-120a dirección Monforte de Lemos, tras pasar unha ponte aparece á man esquerda.

Camiños de Santiago

Camiño de Inverno

Estilos

Neoclásico
Gótico
Románico

Orden Relixiosa

Cistercienses

Declaración

Ben de Interese Cultural
Arriba