IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE NOGUEIRA DE MIÑO

Relixioso
2694
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Nogueira de Miño (Santa María)

Lugar: A Eirexe

27515  Chantada - Lugo

Coordenadas:
42º 33' 23.0" N - 7º 42' 50.0" W

Descrición

Igrexa románica, da segunda metade do século XII, con reformas no XVIII na torre e na fachada. A nave é rectangular, con ábsida cadrada, e cuberta de tella a dúas augas. A ábsida ten un arco triunfal de medio punto, de sección rectangular, columnas apegadas e capiteis con decoración variada.
No testeiro conserva unha ventá de medio punto con columnas e capiteis con decoración vexetal. No lateral sur ten unha porta con arco de medio punto e arquivoltas con roseta, follas e bólas, e un tímpano con cruz de brazos iguais inscrita nun círculo. Nos laterais ten canzorros de diferentes decoracións. O frontispicio é de tradición barroca, malia que se conserva un rosetón románico de calado en cruz e rosetas. Ten tres corpos verticais separados por pilastras que rematan en cornixa e frontón de arco rebaixado e pináculos. A torre é cadrada e formada por tres corpos.
O seu interior atesoura fermosas pinturas murais de estilo manierista realizadas polo Mestre de Nogueira no século XVI. Estas cobren a cabeceira e a nave por completo. Representan escenas da Resurrección de Cristo, o Xuízo Final, a Asunción e a Anunciación, entre outras.

Acceso

En Chantada tomar a LU-P-1801 en dirección Belesar-Peares. Nogueira atópase a 10 km e a igrexa a 150 m da estrada, no medio da aldea.

Camiños de Santiago

Camiño de Inverno
Arriba