ANTIGA COLEXIATA DE SANTA MARÍA

Relixioso
2682

Localización

Parroquia: Muros (San Pedro)

Lugar: Muros

Estrada Vella de Louro, s/n

15250  Muros - A Coruña

Coordenadas:
42º 46' 24.9" N - 9º 03' 24.0" W

Descrición

A igrexa primitiva era de estilo románico datada no século XII, pero dela só se conserva a portada principal. O edificio actual foi iniciado polo arcebispo de Santiago Lope de Mendoza na primeira metade do século XV. Esta igrexa converteuse a principios do XVI en colexiata grazas aos Reis Católicos e ao Papa.
Na actualidade obsérvanse nela diversos estilos froito das remodelacións que sufriu ao longo do tempo. Así aprécianse partes barrocas na torre e no pórtico realizado no século XVIII grazas ao gremio do mar. Pero o estilo que predomina é o chamado gótico mariñeiro datado no século XV. 
A raíz da análise dos seus elementos arquitectónicos dedúcese que as tres capelas do lado do evanxeo e a do Rosario, que se abre á nave por un arco, construíronse entre a segunda metade do século XV e comezos do XVI. Cara a esta última data construiríase a capela da Nosa Señora de Fátima e a de Santo Antonio, que dataría do primeiro cuarto do século XVII. Aos pés da nave atópase a tribuna sobre tres arcos apuntados, que se apoian aos lados en ménsulas e no centro en columnas apegadas de capiteis e animados. A tribuna levantouse, seguramente, a principios do século XVI.
Na fachada hai una porta con tímpano liso baixo arco de medio punto, con columnas de capiteis vexetais nas xambas. Por riba, un rosetón gótico, con bólas e follas cuadrifolias con aspecto de cabezas de cravo nas arquivoltas. Cobre a porta un soportal sobre piares octogonais. Á esquerda da fachada elévase a torre barroca, construída entre 1757 e 1758, a expensas do gremio do mar. 

Acceso

No mesmo núcleo urbano.
Arriba
Axúdanos a mellorar!