Descrición
A ría de Pontevedra ábrese entre a punta de
Cabicastro, situada ao oeste da praia de Canelas, ao
norte, e a punta Centoleira, ao sur. O seu vértice máis
oriental é máis difícil de marcar, debido á
desembocadura do río Lérez, pero podemos situalo
na cidade de Pontevedra, onde o río se une ao mar,
a uns 14 quilómetros da boca da ría, cuxa forma é a
doutra cuña perfecta de auga mariña que se incrusta
no continente, seguindo a dirección suroeste-nordés.
Relativamente preto da costa, na entrada da ría
de Pontevedra, sitúanse as illas Ons, que foron
habitadas dende a antigüidade. De formas máis
suaves cás Cíes, as Ons presentan igual que aquelas
un perfil litoral contrastado, menos abrupto cara ao
interior da ría, mentres que dominan os acantilados
cara ao oeste, nos que de novo atopamos furnas,
como a espectacular Cova do Inferno. E, ao igual que
nas Cíes, en Ons a fauna atopa un lugar privilexiado.
Pero nas Ons a presenza humana foi historicamente
maior, xa que estivo habitada ata os anos cincuenta
do século vinte. Actualmente, a maior parte da
poboación vive na illa unicamente no verán.
Na ría de Pontevedra e nas súas ribeiras, a arte e a
historia combínanse para pracer do viaxeiro. Nas
súas marxes sitúanse cidades fermosas como
Pontevedra; mosteiros, como o de Poio ou, un pouco
máis afastado, Armenteira; vilas como as de Marín,
que combina o seu destino militar coa pesca, ou
Bueu, claramente pesqueira e marisqueira; centros
turísticos e residenciais, como Sanxenxo, Portonovo
ou San Vicente do Grove; vilas pintorescas, como
Aldán, situada no fondo da súa pequena enseada,
apéndice da de Pontevedra, Raxó, Combarro ou
Mogor.
Pontevedra, a capital provincial, é unha cidade
equilibrada, sen xigantismos urbanísticos, que
combina o encanto do pasado, na súa ampla parte
antiga felizmente respectada, co desenvolvemento
actual. No seu interior aparecen fermosas igrexas,
como as ruínas de San Domingos, San Francisco,
Santa María a Maior, A Peregrina e o Museo
Provincial que, posiblemente, sexa o máis visitado de
Galicia pola riqueza dos seus fondos. Pontevedra foi
a patria de grandes mariñeiros (Sarmiento, Nodales,
etc.) que descubriron terras para España.
Moi preto atópase Marín, unha vila moderna, con
apenas vestixios do pasado. Dende o cume do monte
situado ás súas costas atópase un miradoiro, que
permite contemplar as rías de Vigo e Pontevedra.
A riqueza en areais é grande dentro da ría,
e destaca pola súa importancia turística Sanxenxo,
cuxa poboación se multiplica no verán. Non
obstante, as novas construcións varreron os restos da
antiga poboación. Todo é moderno.
Todo o contrario aconteceu na praia da Lanzada,
un areal de máis de catro quilómetros, pertencente
aos concellos do Grove e Sanxenxo, onde a
rexeneración do sistema dunar propiciou a
pervivencia dunha das praias máis visitadas en
Galicia. Asociada a ela aparecen fermosas lendas,
como a dos baños das "nove ondas" para atopar
parella ou asegurar descendencia. E, nos seus bordos,
aparecen a ermida de Santa María da Lanzada e a
torre da Lanzada, posible resto do antigo faro.
Máis cara ao oeste sitúase o Grove, unha vila que
fixo da gastronomía mariñeira un culto que se pode
"practicar" nas diferentes tascas, tabernas e
restaurantes, que ofrecen os máis exquisitos mariscos
e peixes.
E, a modo de apéndice, sitúase a illa da Toxa, un
espléndido recinto que conta con magníficas
instalacións hoteleiras, construídas a comezos de
século. Nas noites da Toxa, dicía Álvaro Cunqueiro,
"hai un silencio estraño e consolado, soamente
turbado polo vento dos piñeiros ou polo mar que
canta na veciña Lanzada".