RÍA DE CORCUBIÓN

Rías e praias
1703

Localización

Coordenadas:
42º 56' 40.2" N - 9º 11' 26.4" W

Descrición

A ría de Corcubión deseña unha forma de arco que se estira cara ao sur. Presenta unha forma aberta que é, en realidade, unha ampla enseada protexida polo apéndice pétreo do cabo Fisterra que, ao alongarse cara ao sur, pecha un espazo mariño.
As rochas graníticas volven condicionar a paisaxe. O rochedo maniféstase de xeito nítido e, ao mesmo tempo, cambiante. No monte Pindo dominan as formas labradas na rocha granítica, concretamente granodiorita. Sobre uns poucos quilómetros, gradúanse en altitude cumes rochosos, simulando castelos rematados, laxes alongadas, cúpulas redondeadas, figuras de seres fantásticos, pedregais... Ademais, dende o seu cume, na Moa, a máis de 600 metros de altitude, contémplase unha vista incriblemente fermosa, coa aldea do Pindo aos seus pés e o cabo Fisterra, ao fondo.
No medio desta paraxe excepcional, precipítanse as augas do río Xallas. A Fervenza, en Ézaro, é sen dúbida un dos recantos máis espectaculares da costa galega. A construción de encoros preto da súa desembocadura permite vela en funcionamento algúns días ao ano pero, malia iso, pódese admirar un recanto de gran beleza.
Cara ao oeste, no cabo Fisterra, o granito é diferente e as formas tamén. A presenza do mar e do faro, que orienta con luces os navíos para evitar máis traxedias, creou un mundo de mitos e maxia que se dan a man no recinto de San Guillermo. Todo motiva que, como os antigos lexionarios de Roma, os viaxeiros que se achegan ata alí esperen o momento máxico no que aparece o "raio verde".
E, cara ao sur, a rocha destruída polo paso do tempo e transportada polas augas acumúlase no areal de Carnota, o máis extenso de Galicia, con oito quilómetros de lonxitude, que se estende entre as puntas de Caldebarcos e Nosa Señora dos Remedios. Praia e dunas pechan áreas hidromorfas como a boca do río, no que as formas graníticas sobresaen da auga.

No Pindo e Fisterra materialízase a riquísima etnografía da comarca. O Ara Solis, lugar de adoración do Sol, a onde chegaron, segundo a lenda, as lexións romanas para ver morrer cada tarde o sol ou Duio, a antiga Dugium, coa súa lenda de horizontes de mar e cidade anegada polas augas, serven de exemplo.
Por outra parte, a permanencia de ritos de fertilidade en pedras de Fisterra -a fin da terra e o comezo do Mare Tenebrosum durante séculos de cultura- son trazos que falan da pervivencia das tradicións nestes lugares.
Pero a pedra transfórmase pola man do home. Froito deles son as pequenas aldeas que salpican o litoral, así como as vilas de Fisterra, Corcubión e Cee. Mariñeiras as dúas primeiras, industrial a terceira, conteñen no seu interior fermosos edificios nos que destacan as galerías acristaladas ou os edificios flanqueados por soportais.

Arriba