Descrición
As puntas Coitelada, polo norte, e a punta
Torrella, polo sur, flanquean a entrada dun tronco de
mar que se introduce cara ao oeste bifurcándose en
dúas rías -unha cara ao nordés, outra cara ao sur-
que, como a da Coruña, son de pequena extensión,
son as rías de Ares e Betanzos.
A súa situación, así como a súa configuración
pechada, motivou a existencia dunhas condicións
climáticas privilexiadas, caracterizadas pola
suavidade das súas temperaturas e por unhas
precipitacións moderadas que explican a importancia
que adquiren nas ribeiras os cultivos de horta ou
o viñedo.
Nestas terras, chamadas As Mariñas, combínase
á perfección o desenvolvemento turístico coa mellor
tradición histórica e artística, materializada nos
cascos antigos de Betanzos ou Pontedeume, na
Terraza de Sada, no voto de Chanteiro, iniciado no
século XV, ou na igrexa románica de Bergondo, que
dan fe do pulo dunhas terras nas que se impuxeron os
brasóns da casa dos Andrade.
Betanzos ou Pontedeume constitúen conxuntos
de enorme interese artístico, con centros históricos
dignos de ser visitados, compostos por rías estreitas
e, nalgúns tramos, con soportais, aos que se asoman
fermosos edificios de pedra granítica en forma de
igrexas ou fortalezas medievais, como Santa María
do Azogue ou San Francisco, do século XIV, na
primeira, ou o torreón dos Andrades, construído
entre 1370 e 1380, na segunda.
Redes ofrece a silueta única dunha vila pescadora
pegada ao mar. Ares é vila turística, o mesmo que
Sada que, ademais, é a capital do ocio da comarca
e posúe, nas súas inmediacións, as torres de Meirás,
pazo que habitou dona Emilia Pardo Bazán e, logo,
o xeneral Franco, mentres que Miño se converte
cada ano no lugar de chegada de moitos visitantes
na busca da súa praia.