RÍA DE RIBADEO

Rías e praias
1758

Localización

Coordenadas:
43º 32' 00.9" N - 7º 02' 25.4" W

Descrición

A ría de Ribadeo, á que leva as súas augas o río Eo, é a máis oriental das galegas, que une máis que separa de Asturias. Presenta unha forma alongada que se estira de norte a sur, incrustándose nos municipios de Ribadeo, na súa marxe occidental, e Castropol, na oriental.
As vilas de Figueras, Castropol e Vegadeo, na súa marxe asturiana, e Ribadeo, na galega, centralizan a vida das comarcas do Eo. Nelas concéntranse as actividades comerciais e pesqueiras.
Ribadeo é un compendio de historia, dende o medievo ata os nosos días. Sé episcopal da diocese de Mondoñedo durante a Idade Media, no século XVIII a poderosa burguesía deixou a súa pegada urbanística na vila. O pazo do primeiro Marqués de Sargadelos, poderoso industrial, hoxe serve de casa consistorial. Na Casa do Patín instalouse a Escola de Náutica no século XIX. Na actualidade, a vila é o centro comercial máis importante do norte. Das súas magníficas praias destaca a das Catedrais, denominada así pola estrutura dos acantilados, a xeito de arcobotantes góticos.

Neste lugar, tras unha primeira impresión de uniformidade, escóndese o máis espectacular conxunto de furnas (covas) mariñas de Galicia.
Acantilados verticais encadéanse con columnas pétreas que lle serven de antesala a un rosario de covas, en ocasións conectadas entre si por profundos pasadizos. Un lugar digno de visita e que serve de pórtico ou epílogo excepcional a calquera visitante que chega a Galicia ou que se despide dela.

Arriba