Descrición
Desde 1986, Ares celebra o Corpus Christi coa confección de alfombras florais que ano tras ano son admiradas polos milleiros de visitantes que se achegan á vila mariñeira. Os veciños, perfectamente organizados en seis grupos de traballo, son os artífices desta espectacular obra de arte vexetal á que dedican semanas de esforzo e que acada unha lonxitude de máis dun quilómetro.
Tradición, gran vistosidade e a participación do pobo únense en Ares para celebrar o Corpus, de tal xeito que, cando pasa a procesión o domingo pola tarde, as rúas da vila están perfectamente engalanadas. Ares recende a rosa, caravel, hortensia, labaza, tuia, pampillo e piñeiro, entre outros aromas vexetais.
Se a confección é importante nestes traballos, a colleita non o é menos. Sabedores de onde poden atopar as ramas, herbas e flores axeitadas, os veciños, da man da Asociación de Alfombras Florais de Ares, preparan un calendario de recollida. Primeiro o verde, que hai que tratar con moita paciencia, e despois as flores.
Cada un dos seis grupos elabora a súa alfombra cos motivos escollidos. A tradición obriga a non desvelar o tema ata momentos antes da súa elaboración. Na minuciosa confección participan centos de persoas. Familias enteiras colaboran nestes traballos e os máis pequenos, alén de realizar as súas achegas, gozan das alfombras confeccionadas con motivos infantís.
A véspera do día grande, cara á noite, as rúas Real e María, xunto á praza da Igrexa, comezan a se transformar. Agarda aos veciños unha intensa noite na que haberá que converter o asfalto e a pedra nunha obra de arte. Ao amencer, Ares loce unha nova e floral faciana. O domingo pola tarde, a pegada da procesión borrará este vexetal engalanamento, aínda que os veciños non esquecerán as intensas xornadas de convivencia.
Destacado: A confección das alfombras a noite da véspera.