FESTA DA FAGUÍA DO CARNÉS

Festas de interese turístico
3093
Datas de celebración: 08/07 - 10/07

Localización

Parroquia: Carnés (San Cristovo)

Lugar: Carnés

Vimianzo - A Coruña

Coordenadas:
43º 06' 50.9" N - 9º 06' 43.9" W

Descrición

É na parroquia de Carnés, en Vimianzo onde se celebra cada 9 de xullo, véspera de San Cristovo, esta festa con catro séculos de historia na honra do seu patrón. A súa orixe foi unha comida de membros da Confraría de San Cristovo, creada en 1608, que, co tempo, se transformou nun xantar para os pobres e desde o ano 1981, que se retomou de xeito ininterrompido, nunha festa gastronómica dedicada aos callos.
Como é corrente nas vilas da zona da Costa da Morte, todo nesta festa está envolto en fervor relixioso e cheo de antigos rituais e arraigados costumes que gustan narrar as xentes do lugar, como son o ritual de virar a tella para que non chova o día da festa ou a puxa das ofrendas dos fregueses ao santo, que ten lugar o día de San Cristovo no adro da igrexa.
Ao visitante chamaralle a atención a propia historia do recinto de pedra, onde arredor de 3.000 persoas degustan os saborosos callos que prepara a comisión da festa desde a mañanciña, coa imaxe de San Cristovo sobre un estrado presidindo o xantar, e a xente achegándose a ela para rezarlle ou pedirlle favores. O recinto chámase “A Cerca”, e construíuse no século XIX para dedicalo exclusivamente ao xantar tradicional. Esta é a razón pola que A Cerca, que se sitúa nun espazo considerado sagrado e vinculado ao castro da parroquia e ao monte Croado, permanece pechada durante o resto do ano.
Música de gaiteiros e charangas acompañan o xantar e, pola noite, a festa continúa cunha verbena. Diversos festexos sucédense o día seguinte, día de San Cristovo, e tamén o 11 de xullo, día de San Bieito, cando, curiosamente, ten lugar a procesión do patrón San Cristovo. 

 

Destacado:
Poxa das ofrendas dos fregueses a San Cristovo, no adro da igrexa parroquial.
 

Outras características

Gastronómica
Festas Festas de interese turístico Festas de Galicia de interese turístico
Arriba
Axúdanos a mellorar!