FESTA DO PAN DE NEDA

Festas de interese turístico
1688
No Camiño de Santiago
Datas de celebración: 01/09 - 01/09

Localización

Parroquia: Neda (San Nicolás)

Lugar: Neda

Neda - A Coruña

Coordenadas:
43º 30' 03.7" N - 8º 09' 24.3" W

Descrición

Coa Festa do Pan, Neda pon en valor o seu produto gastronómico por excelencia, aquel que durante séculos converteu a real vila en capital do trigo de Galicia.
A orixe da tradición panadeira de Neda remóntase á Idade Media, cando nacen importantes industrias, como os muíños de trigo, arredor do río Belelle. A calidade das súas augas dá como resultado un pan sen comparación e que incluso Filipe II, escolle a vila para o asentamento das chamadas Casas Reais, fábricas de biscoito e fornos de provisión con destino ás Armadas dos Reis de España.
Neda celebra a súa festa de exaltación do pan o primeiro domingo do mes de setembro. Unha cita que, cada exercicio, convoca máis e máis público desexoso de saborear un excepcional pan. E, tamén, de participar nunha festa que, grazas ao traballo que durante todo o ano realiza o Concello, suma novos atractivos e actividades.
Como vén sendo habitual nos últimos tempos, o escenario escollido é o Paseo Marítimo. Desde primeira hora da mañá, as panadarías comezan a venda de pan, empanadas ou repostaría. Xunto aos despachos das panadarías, a xa tamén tradicional feira de artesanía con ducias de postos que ofrecen unha coidada selección de produtos de todo tipo.
A música ten un papel fundamental ao longo de toda a festa, coa participación de grupos e bandas de diferentes estilos musicais pero cun único obxectivo: manter o ánimo ben alto.
Sobre as dúas da tarde, os asistentes están convocados á tradicional comida popular. O menú, con prezos accesibles, adoita incluír empanada, paella, churrasco, bola de Neda e café, así como bebidas e, como non, o tradicional pan da real vila.
Cada ano, o Concello de Neda, organiza diferentes actividades complementarias á propia festa. Desde concertos ata a ruta e concurso de petiscos "Mellor... con pan de Neda"; o photocall no que se recrea o interior dun muíño para fotografarse en plena faena; a xornada con actividades para os máis pequenos...
Tamén, e xunto á Festa do Pan de Neda, o Concello invita a nenos e maiores a coñecer a súa preciosa Ruta dos Muíños. Tradicionalmente, celebrouse sempre na xornada previa á festa. A través desta, ofrécese a posibilidade de descubrir unha contorna natural privilexiada e coñecer o proceso de elaboración do pan nun dos muíños restaurados da ruta. Esta camiñada guiada e gratuíta, de tres horas de duración, parte ás 10:30 h do adro da igrexa de Santa María, e discorre pola marxe do río Belelle ata o Roxal. Remata nun dos muíños, onde os participantes poden asistir a unha demostración do seu funcionamento e degustar despois produtos típicos de Neda.

Camiños de Santiago

Camiño Inglés

Outras características

Gastronómica
Festas Festas de interese turístico Festas de Galicia de interese turístico
Arriba
Axúdanos a mellorar!