FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

Festas de interese turístico
373
Datas de celebración: 13/04 - 14/04

Localización

Sober - Lugo

Coordenadas:
42º 27' 39.9" N - 7º 35' 13.9" W

Descrición

O recinto feiral, na praza do Concello, énchese da música da banda de música de Sober, unha das máis antigas de Galicia, con 130 anos de historia, e un dos símbolos desta localidade luguesa, para amenizar este grande encontro en torno ao viño de Amandi (subzona da D.O. Ribeira Sacra). A cita serve, ademais, como escusa para amosar o contorno da zona e o seu modo de vida, centrado na viticultura pero tamén na olaría, coa veciña parroquia de Gundivós como produtora. Un achegamento aos postos de artesanía na feira bastará para comprobar a relevancia que teñen as pezas desta antiquísima olaría pola súa utilidade nos labores viticultores.
Os adegueiros de Amandi venden aquí centos de botellas do seu viño mencía, abandeirado dos tintos galegos, e os visitantes teñen a oportunidade de probalos xunto a outros excelentes produtos, tamén á venda, como queixos e pan, mel da Ribeira Sacra e as roscas de doce de Millán, estes últimos moi apreciados pola súa calidade e cada vez máis demandados.
A festa reúne a milleiros de persoas e pon de relevo a importancia da actividade vitivinícola na zona, así como o pulo e o prestixio dun viño que, segundo contan as lendas era levado á Roma dos césares e cultívase desde os tempos en que se asentaron as ordes monásticas na Ribeira Sacra, en socalcos polas fortes pendentes das ladeiras dos Canóns do Sil. Unha orografía que dificulta moito o traballo nas vides, razón pola que esta viticultura é chamada “heroica”.
 
Para non perderse: 
Os postos de olaría de Gundivós, moi particular polo seu acabado en negro. 
 
 
 
 

Outras características

Gastronómica
Festas Festas de interese turístico Festas de Galicia de interese turístico
Arriba