FESTA DO OURIZO DE CERVO

Festas de interese turístico
312
Datas de celebración: 16/03 - 16/03

Localización

Parroquia: Lieiro (Santa María)

Lugar: San Cibrao

27890  Cervo - Lugo

Coordenadas:
43º 41' 39.9" N - 7º 26' 33.0" W

Descrición

A abundancia de ourizos nas súas augas converte ao concello de Cervo na capital galega do ourizo, máis aínda desde que naceu en 1992, na parroquia de San Cibrao, unha festa gastronómica para dar a coñecer este produto e promocionar a riqueza cultural, paisaxística e gastronómica do lugar.
Para a festa dedicada a este apreciado equinodermo, que constitúe a base de diferentes receitas, é necesario recoller os ourizos os días previos –para comelo fresco ou cocido, só valen exemplares recollidos como moito tres días antes–. Bares e restaurantes da vila prepárano de diferentes xeitos: croquetas, empanada, tortilla, ao natural, cocidos, pudin… para que o público poida degustalo a partir da tarde, nun ambiente festivo amenizado por un grupo de gaiteiros que percorre os establecementos onde se serve o ourizo.
Desde 2001 desenvólvense unhas xornadas técnicas sobre o ourizo de mar, que pretenden afondar no coñecemento deste produto, e desde 2002 celébrase un concurso gastronómico no que participan hostaleiros que colaboran no evento. 
A festa, declarada en 2008 de Interese Turístico Galego, celébrase anualmente entre finais de febreiro e principios de marzo, xa que a tempada ideal para degustar os ourizos de mar sitúase entre xaneiro e marzo. 
 
Para non perderse:
Degustación polos bares e restaurantes da vila.

Outras características

Gastronómica
Festas Festas de interese turístico Festas de Galicia de interese turístico
Arriba