As comarcas pontevedresas Deza e Tabeirós caracterízanse pola gran cantidade de tesouros de pedra de incalculable valor etnográfico e cultural que acollen.

A través deste itinerario, descubriremos grandes monumentos arquitectónicos que agardan a que os nosos intrépidos pasos e a nosa hábil mirada descubran todos os misterios que agochan.

Os pendellos son o único recinto feiral de orixe medieval de Galicia, levantados no século XVIII eran os mercados ao redor dos cales xiraba a economía da zona.
Guiádevos polo murmurio da auga, que consegue coarse entre os abundantes freixos e bidueiros, e que vos ha conducir ata unha caída de auga das máis altas de Galicia.

Outros datos de interese...
- Mosteiro de Carboeiro: Máis info en www.mosteirodecarboeiro.com

Percorrido

Nestas terras do interior de Galicia, a auga é un elemento esencial. Neste percorrido comezaremos a nosa visita na vila de Agolada, unha terra ateigada de pontes, vestixio da presenza romana que aínda nos permiten atravesar os ríos Arnego e Ulla.

A poucos metros da praza do concello, e rodeando un gran carballo, podemos dar un paseo polas nosas raíces comerciais grazas aos pendellos de Agolada. Os pendellos forman parte da arquitectura autóctona galega tanto como as pallozas, os hórreos, os muíños ou mesmo os pazos. Constitúen un dos campos de feira mellor conservados de Galicia e foron levantados no século XVIII, sendo o mercado ao redor do cal xiraba toda a economía da zona. Construídos con pedra, tella e madeira, viviron un intenso proceso de restauración. Se a choiva ou a néboa nos acompañan, poderemos facer un percorrido case máxico polo seu empedrado irregular, tocando as grandes e rugosas pedras dos mostradores medievais ou escoitando o repicar da auga sobre as tellas. Só temos que pechar os ollos para que se produza o salto no tempo que viñamos buscando. Se prestamos atención, aínda podemos escoitar o eco do bruar dos animais que chegan ao mercado tirando dos carros, as voces do pasado exaltando as marabillas dos seus produtos e o xentío que bole entre os mostradores ateigados. 

Para manter viva a tradición dende hai uns anos, no mes de agosto celébranse tres días de festa nos que se realizan diversas actividades. A máis singular é a reprodución dun mercado medieval. Os artesáns caracterizados acoden de toda Galicia a expoñeren as súas obras ao tempo que se celebran obradoiros e unha romaría. Animádevos a degustar os saborosos torresmos con pan de millo e acompañádeos con viño ou queimada mentres soa a música en directo de gaiteiros. Se quedades con fame, preto de Agolada está o concello de Lalín, coñecido internacionalmente polo seu cocido e polo seu xeito de preparar o lacón, debedes facer unha pausa para degustalo en calquera dos moitos restaurantes da vila nos que o preparan.  

Pero o concello de Agolada oculta aínda máis tesouros, como a pequena igrexa románica de Santa María de Ventosa. Este pequeno templo, do século XIII, agocha no seu interior un fermoso segredo que ninguén revelaría observando a súa rústica aparencia, pois acolle o sepulcro do abade Lope de Ventosa, que os expertos catalogan como unha reconstrución en pequeno do Pórtico da Gloria. Pero o máis espectacular é a marabillosa colección de esculturas e frescos medievais que semellan saír das paredes.

Internándonos agora no concello de Dozón, a igrexa de San Pedro de Vilanova de Dozón agárdanos rodeada dunha natureza salvaxe. Esta é unha xoia do románico galego, edificada no ano 1154, e que formaba parte dun antigo cenobio de monxas beneditinas. Situada en pleno Camiño de Santiago, é moi frecuente atoparse con peregrinos de todas as nacionalidades. A igrexa de San Pedro está construída con base en grandes pedras de cantaría granítica perfectamente escuadradas. Observade con atención os motivos xeométricos e vexetais inspirados, moi probablemente, polo veciño mosteiro de Santa María de Oseira.

A seguinte parada do noso itinerario céntrase no mosteiro beneditino de Carboeiro, en pleno corazón de Silleda. Para chegar ata el deberemos mergullarnos nunha frondosa e bela paisaxe e atravesar unha ponte medieval. Á altura dun escarpado promontorio dun meandro do río Deza descubriremos, agochado entre a natureza, esta xoia arquitectónica do románico serodio (ou románico de transición) máis destacable de Galicia. O nome de Carboeiro vénlle dado pola vexetación forestal da zona, que dende antigo foi empregada para a elaboración de carbón vexetal.

A igrexa de Carboeiro presenta numerosas influencias da Catedral de Santiago, como por exemplo, o uso das novas bóvedas de cruzaría ensaiadas en Compostela e a decoración da portada principal que representa os anciáns músicos do Apocalipse, o mesmo ca o Pórtico da Gloria.  Non perdades a ocasión de descubrir todos os seus recunchos cunha visita guiada que percorre tanto a igrexa coma os departamentos monacais restaurados a finais do século XX.   Enchoupados da vida monacal, podedes finalizar o percorrido cunha pequena camiñada pola contorna do mosteiro, onde atoparedes construcións de tan bela factura como son o seu pombal ou a Ponte do Demo, que recibe este nome por ser noutros tempos punto estratéxico de atracos e roubos.

Como remate a esta xornada, nada mellor que visitar a fervenza do Toxa. Guiádevos polo murmurio da auga, que consegue coarse entre os abundantes freixos e bidueiros, e que vos ha conducir ata unha caída de auga das máis altas de Galicia. Alí, sentados na praia fluvial e adurmiñados polos sons da natureza poderedes desconectar de todo o que vos rodea grazas á paz que se respira no corazón da Galicia interior.

Arriba