Nada resulta máis oculto que aqueles tempos que non vivimos.

A través deste percorrido polas entrañas dos tesouros de Arousa, coñeceremos de preto o modus vivendi de antigas civilizacións que deixaron as súas pegadas nos mellores enclaves da nosa terra. 

Contan os vellos que entre o Dolmen de Axeitos e a peneda natural, coñecida como a Pía do Frade, hai unha trabe de ouro, unha construción mítica na que as lendas sitúan valiosos tesouros.Milleiros de persoas amoréanse a carón das Torres do Oeste cada ano para presenciaren o desembarco dos viquingos. A bordo dunha draka, e ataviados con cascos e cornos, os novos viquingos simulan o ataque dos pobos nórdicos hai máis dun milenio.

Outros datos de interese...
- Centro Arqueolóxico do Barbanza: Aberto de xoves a domingo. Contacto: 981 843 810. (www.centroarqueoloxicodobarbanza.org).
- Muíño de mareas de A Seca: Aberto de martes a domingo, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas. Máis info en www.cambados.es.
- Museo Etnográfico e do Viño: Aberto de martes a domingo, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas. Máis info en www.cambados.es.
- Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro: Teléfono de información e reservas 981 69 60 66 ou a través de reservas@paar.es. Máis info en www.paar.es

Día 1º

Partindo da vila de Ribeira, a nosa incursión pola arquitectura neolítica comeza visitando o dolmen de Axeitos, tamén coñecido como a Pedra do Mouro. Camiñando por unha corredoira entre árbores e silencio, atopamos esta sepultura comunal prehistórica.

O seu aspecto é rexio a pesar de estar datado entre o ano 4.000 e o 3.600 a. C. e ser un dos monumentos funerarios megalíticos máis antigos de Galicia. Contan os vellos que entre este dolmen e a peneda natural coñecida como a Pía do Frade hai unha trabe de ouro, unha construción mítica na que as lendas localizan valiosos tesouros.

Dando un pequeno salto na historia da nosa evolución, diriximos os nosos pasos cara aos castros de Neixón Grande e Pequeno, no concello de Boiro. Descendendo cara á ría, percorreremos unha senda que vai directamente á península de Neixón, nunha das paisaxes máis fermosas de Arousa. Na punta rochosa desta península, defendidos por penedos e fortes ribadas, medraron entre os séculos VIII e VII a. C. os castros de Neixón. Camiñade sobre este anaco da historia e empregade o tempo que vos faga falta para apreciar a grandeza do enclave. Case parece que aínda podemos escoitar os berros dos nosos devanceiros avisando das invasións romanas. A carón dos castros, nun enclave rodeado de natureza, atopamos o Centro Arqueolóxico do Barbanza onde poderemos descubrir moita información sobre o patrimonio arqueolóxico da comarca.  

É tempo agora para coñecer a vila de Rianxo. Faremos un pequeno desvío na nosa ruta para achegarnos ata alí e dar unha volta polo paseo da ribeira e polo seu porto, con vistas á gran Serra do Barbanza. Aproveitade este alto no camiño para degustar unhas deliciosas xoubiñas de Rianxo, ou uns bos mexillóns da ría de Arousa, mentres colledes forzas para continuar a vosa viaxe.

Seguindo no municipio de Rianxo, concretamente na aldea de Araño, a nosa curiosidade polas agochadas xoias arquitectónicas verase satisfeita cunha construción máis recente que as visitadas ata o de agora. Trátase do hórreo do Araño, un dos máis grandes de Galicia, que forma parte dun bonito conxunto arquitectónico composto pola igrexa de Santa Baia e a capela dedicada á Nosa Señora dos Milagres. Nesta ocasión, non poderedes contar os pés do hórreo porque ten a base pechada por un muro. A alternativa é percorrer os seus preto de 37 metros de lonxitude e imaxinar todo o que nel se podía gardar no século XVII, que foi cando se construíu. Moitos apuntan que era unha mostra do verdadeiro poder da Igrexa dese século, dado que aquí se almacenaba a colleita dos habitantes que tiñan que darlle unha parte ao clero.

Continuando pola senda dos nosos devanceiros, a seguinte parada será nos hórreos de Imo, no concello de Dodro. As cabaceiras da pintoresca aldea de Imo están situadas na parte máis alta do núcleo. Este lugar era antigamente unha eira comunal. Conforme vos acheguedes, entre as casiñas pequenas separadas por estreitas rúas, iredes vendo o conxunto de hórreos de pedra e paredes de madeira.

Do outro lado do Ulla, agárdanos o concello de Catoira. De camiño, atoparemos a coñecida ponte sobre o río coas Torres de Oeste, onde o primeiro domingo de agosto ten lugar a Romaría Viquinga, que lle dá sona internacional a esta vila. Milleiros de persoas amoréanse cada ano neste enclave para presenciar o desembarco. A bordo dunha draka, e ataviados con cascos e cornos, os novos viquingos simulan o ataque dos pobos nórdicos hai máis dun milenio.  

Pero Catoira é tamén coñecida polos seus muíños de vento de Abalo, únicos en Europa polo seu dobre sistema de aspas. Aos muíños chegaredes tras unha pequena camiñada costa arriba entre pequenos arbustos. Dende o cumio, sentiredes a mesma brisa que move as aspas ao tempo que observades unha das mellores panorámicas da ría. Sentade a carón dos grosos muros de pedra, que estarán dispostos a compartir convosco a calor acumulada durante o día, e contemplade o  solpor como broche final desta primeira xornada.

Día 2

A nosa viaxe continúa ata o concello de Cambados, onde se celebra a festa vinícola máis antiga de Galicia. A festa do viño comezou no ano 1953 coa reunión de varios amigos para escoller cal dos seus albariños era o mellor. Antes de descubrir os misterios do deus Baco, visitaremos o Museo do Muíño de Mareas da Seca en plena ría de Arousa, entre as puntas de Tragove e Fefiñáns. O sistema deste muíño é moi distinto ao visto ata o de agora, dado que aproveitaba o movemento das mareas para a moenda.

Durante as tres horas que duraba a baixamar, moíanse ata 200 quilogramos de fariña en dúas quendas, de día e de noite. Contan que este muíño foi construído no século XVII por orde do señor do pazo de Fefiñáns, ao que pertenceu ata o século XIX e ao que viñan moer os cereais os labradores dunha gran parte do Salnés. A actividade do muíño comezou en 1622 e non parou ata os anos 70 do século pasado, cando o último muiñeiro se xubilou. Teredes a oportunidade de percorrer as instalacións deste museo que aínda conserva a maquinaria que posibilitaba a moenda. Despois de visitar o museo, no que aínda conserva a maquinaria, poderedes “camiñar” sobre a ría. Mellor dito, sobre a pasarela de 50 metros da presa á que lle chaman a Seca. Isto é porque na baixamar a zona interior queda seca volvéndose encher coa preamar.

Sen saír de Cambados, imos agora cara á parte alta da vila. A carón do Miradoiro da Pastora, visitaremos a igrexa de Santa Mariña de Dozo, ou máis ben o que queda deste fermoso templo gótico de finais do século XV, mandado construír sobre unha ermida románica. Trátase dun edificio dunha única nave dividida por varios arcos transversais e con capelas laterais. Na actualidade, o recinto e o seu contorno é un fermosísimo camposanto onde se manteñen as arcadas do teito desta igrexa, nus arcobotantes que lle dan a este lugar un halo de misterio e teatralidade.

Moi preto da igrexa de Santa Mariña, atopamos o Museo do Viño de Cambados composto por unha antiga casa reitoral e un edificio de nova construción unidos por unha pasarela. Internádevos no museo preparados para facer un percorrido pola historia, pola xeografía, pola cultura popular, así como por todos os aspectos vitivinícolas da Denominación de Orixe Rías Baixas. Non esquezades que a mellor homenaxe que lles podedes facer a estas terras é gozar cos seus magníficos viños, acompañados dalgunha delicia da nosa gastronomía, como unha boa empanada, unhas zamburiñas á prancha ou uns deliciosos pementos de Padrón.

Despois dunha xornada cultural e etnográfica, mergullámonos de cheo na natureza no concello de Meis onde se atopan os reconstruídos muíños do Serén. Situados nun contorno privilexiado,  o mellor modo de coñecelos é completando a coñecida Ruta da Auga. Acompañade o curso do río seguindo os fermosos sendeiros acondicionados e atravesando as pontes de madeira que vos levarán dun a outro. Xusto no medio da ruta, collede folgos no conxunto escultórico que reconstrúe a Aldea labrega. A xeito de resumo de toda a viaxe, aparece ante vós unha selección dos símbolos arquitectónicos galegos: o hórreo, o lavadoiro, os muíños, o forno, o pozo, os cruceiros e mesmo unha pequena capela. Non vos fatiguedes coa camiñada, un pouco máis intensa debido á pendente; alcanzaredes o cumio no que gozaredes dunhas vistas incribles. Xa de volta, sentádevos relaxadamente nalgún dos bares habilitados ao longo da ruta nos que poderedes degustar unha deliciosa empanada de millo.

No veciño concello de Barro, atoparedes outra xoia imprescindible, as fervenzas de Río Barosa. Queda moito por ver así que centraremos a nosa incursión nos muíños e na súa espectacular fervenza. Poñemos os nosos pés de novo en marcha pola beira do río, entre unha frondosa paisaxe fluvial sobre a que escorre a luz do final do día. Nesta ocasión é a fervenza a encargada de darnos a benvida xunto cos primeiro muíños. No primeiro tramo impresiona a forza da auga e a medida que ascendades, as vistas daranvos ánimo para continuar. Sentade nalgún dos bancos de madeira, estratexicamente situados para recuperar folgos, mentres o son da auga murmurando ás vosas costas se mestura co arrecendo a terra mollada.  

Trala incursión na natureza, cambiamos de escenario para visitar outro parque, pero esta vez menos frondoso, o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro. Este conxunto ao aire libre de arte rupestre recolle cerca de cen pedras e rochas con petróglifos de gran valor arqueolóxico e histórico. Nestes montes de Campo Lameiro sitúase unha das concentracións máis importantes en calidade e cantidade de gravados rupestres. A área arqueolóxica pola que poderemos pasear e observar un conxunto excepcional de estacións rupestres ten unha paisaxe moi semellante á do seu contexto orixinal e conta cunha recreación dun pequeno poboado no que se evocan aspectos da vida cotiá dos nosos antepasados da Idade do Bronce. Para non perder detalle, visitade o Centro de Interpretación que conta con salas de proxeccións, exposicións e biblioteca.

 

Arriba