Principiamos a nosa ruta pola monumental e histórica vila de Tui, situada xusto no extremo interior do esteiro do río Miño.
No pasado, foi a capital dunha das sete provincias galegas ata que se fixo a repartición actual, importante asentamento en todas as épocas da historia e tamén branco de asedios pola súa situación estratéxica.
De feito, no auxe da Idade Media, foi centro relixioso, económico, militar e comercial do sur de Galicia. Durante este esplendor, comezou tamén a construción da catedral no alto da cidade, que se demorou ata o século XIV. O mellor premio a un relaxante paseo polo seu centro histórico é precisamente visitar a mencionada sé, coñecida como a catedral-fortaleza de Santa María de Tui , chamada así polo seu carácter defensivo. Aquí atoparédesvos de fronte coa porta occidental do templo. Esta entrada, tallada no s. XIII, é a composición iconográfica máis importante da arte gótica galega. Este estilo e o románico distínguense ben no interior da catedral, como consecuencia da duración das obras. O seu claustro, outra xoia do gótico galego, é un dos poucos de orixe medieval que se atopan enteiros en Galicia. Rematade o paseo cunha espléndida vista desde a torre dos Soutomaior. E, se durante o percorrido, vistes algunha fenda nas bóvedas, non vos preocupedes, levan aí dende o terremoto de Lisboa no 1775.