Continuando pola liña da costa chegamos á “Pequena Compostela”, como é coñecida a vila de Noia, para escoitar de preto as lápidas que falan. Para esta revelación é preciso acceder á igrexa de Santa María a Nova, edificada sobre unha Quintana de Mortos. Este cemiterio, onde se conserva unha gran colección de laudas sepulcrais, foi feito con terra traída dende Terra Santa en galeóns noieses, segundo conta unha das numerosas lendas da zona. Xa no interior desta igrexa gótica, paseade gozando co xogo de luces proporcionado polo seu impresionante rosetón. Sentade a contemplar con calma a capela plateresca e o altar de estilo barroco. Mais o que sen dúbida vos chamará a atención deste templo convertido en museo é o enorme depósito de laudas gremiais que flanquean os seus muros. Entre as máis de duascentas lápidas, podedes ver gravados o pico e a maza dun canteiro, as tesoiras dun xastre, o coitelo dun carniceiro, pasando pola áncora característica dos mariñeiros ou as figuras antropoides dos fidalgos. As máis antigas son as que representan oficios medievais.