ARREDOR DO MONTE DO FACHO

Paseos
799
No Camiño de Santiago

Localización

Fisterra - A Coruña

Coordenadas:
42º 53' 31.4" N - 9º 16' 25.6" W

Camiños de Santiago

Camiño de Fisterra-Muxía

O Paseo

Arredor do monte do Facho
Lendas na fin do mundo

Unha proposta para coñecer o entorno do faro de Fisterra que nos achegará ao monte do Facho e á ermida de San Guillerme, relacionada con ritos de fecundidade e coa “ara solis” ou “altar do Sol” construído polos romanos que consideraban estas terras a fin do mundo.

Comezaremos o noso paseo por unha pista forestal que baixa costenta, deixándonos vistas do illote Centola de Fisterra e cara ao norte o cabo da Nave e o monte Veladoiro que domina este treito da costa. O camiño agora é máis chairo ata que chegamos a un cruce que nos ofrece boas vistas da praia do Mar de Fóra, á que recomendamos achegarnos despois, xa que paga a pena percorrer o sendeiro e a pasarela de madeira que nos leva ata ela.

Volvendo á nosa ruta, o camiño sube entre bosques de piñeiros, que imos agradecer en días solleiros, acompañados polos cantos dos paxaros que habitan neles. Decontado atopamos un cruce e seguimos as indicacións para San Guillerme. As ruínas deste antigo eremitorio quedan á esquerda, por unha desviación de apenas 300 m. Situadas a uns 220 m de altura, ao pé dun gran penedo que fai de acubillo, poderemos atopar restos de ofrendas e unha lousa relacionada con ritos de fecundidade. Segundo a arqueoloxía o lugar foi ocupado dende o século XII, pero hai historiadores que o vinculan con Guillermo X, Duque de Aquitania, quen peregrinou a Compostela ou mesmo cun San Guillermo que viviu na época de Carlomagno.

Lendas aparte, o lugar ofrécenos unha panorámica incrible do litoral, con vistas da vila de Fisterra e a praia de Langosteira; a ría de Corcubión e o litoral de Cee; O Ézaro coa figura inconfundible do monte Pindo, o areal de Carnota e monte Louro. De regreso á pista principal, continuamos por ela ata chegar á estrada que sube do faro de Fisterra ao monte do Facho, finalizando así esta ruta circular.

Características

Lonxitude: 4,1 km
Punto de Inicio:
Monte do Facho (42°53'34.33"N / 9°16'25.12"O)
Punto de Fin: Monte do Facho (42°53'34.33"N / 9°16'25.12"O)
Paseo Circular

Accesibilidade a ter en conta

Treitos de pendente forte

Tipo

Ollando o mar
Data de recollida inicial: 01/01/2021
Arriba