RUTA AO PICO TRES BISPOS

Paseos
1129

Localización

Cervantes - Lugo

Coordenadas:
42º 49' 08.1" N - 6º 55' 15.2" W

O Paseo

Tres Bispos
Tralas pegadas do oso

Cervantes é un concello da comarca dos Ancares lucenses cuxo topónimo fai referencia a que é terra de cervos. Pero ademáis, en toda a comarca poderemos atopar outros mamíferos coma o lobo, o xabaril, o raposo... e nos últimos tempos tamén osos, que procedentes do occidente asturiano, fan ocasionais incursións no territorio galego. Tamén son comúns en estas paraxes gran variedade de aves como a águia cobreira, gabiáns e azores, así coma 27 especies de réptiles e anfibios e unha gran riqueza florística. 

Partindo das inmediacións do Albergue Ancares, onde podes deixar o vehículo estacionado, sae unha pista que nos conducirá directamente ata o cumio de Tres Bispos (1.793 m), que recibe este nome porque conta a tradición que alí se reunían os bispos das dióceses de Lugo, León e Astorga. É ademáis unha das cimeiras máis representativas da zona xunto con outras coma O Mustallar (1.975 m), Corno Maldito (1.858 m) ou Pena Rubia (1.821 m). 

Despois de camiñar algo menos de 2 km poderemos albiscar, ao lonxe, o noso destino, pero antes de acadalo teremos que pasar pola campa de Ortigoso, co seu bosque de acivros e pola campa de Tres Bispos, dende onde teremos unhas vistas espectaculares do val do Ortigal

A partir de aquí o camiño endurécese un pouco e discorre por unha estreita senda pola crista que nos levará ata o cumio. O esforzo do último treito quedará recompensado unha vez no alto xa que poderemos gozar dunha visión 360º dos Ancares

Nota: Nos meses máis fríos o camiño pode estar cuberto de neve polo que, ademáis de roupa e calzado adecuado, é moi recomendable levar bastóns.

Características

Lonxitude: 7 km (só ida)
Punto de Inicio:
Aparcadoiro xunto ao albergue Ancares 42°49'8.10"N / 6°55'15.27"W
Punto de Fin:
Pico Tres Bispos 42°48'4.63"N / 6°52'8.58"W

Accesibilidade a ter en conta

Terreo abrupto
Treitos de pendente forte

Tipo

Entre bosques e montañas
Data de recollida inicial: 01/01/2021
Arriba
Axúdanos a mellorar!