IGREXA DE SANTA MARÍA DE CAAMAÑO

Relixioso
1041

Localización

Parroquia: Caamaño (Santa María)

Lugar: Caamaño

15970  Porto do Son - A Coruña

Coordenadas:
42º 39' 20.0" N - 9º 01' 29.9" W

Descrición

Esta igrexa é de orixe románica, s. XII, aínda que o aspecto actual se debe á reconstrución realizada no s. XVIII. A construción é de planta rectangular cunha única nave, os seus muros son de cantería de granito e as cubertas a dúas augas son de tella. O presbiterio, única parte conservada do s. XII, é de planta rectangular, cuberta con bóveda de canón apoiada en arcos faixóns de medio punto sobre semicolumnas con capiteis decorados con motivos vexetais. Na cabeceira conserva unha fermosa ventá de factura románica, cun arco de medio punto con decoración xeométrica sobre dous columnillas con capiteis con motivos florais. En lado norte do presbiterio está a sancristía, de planta cadrada e con acceso dende o exterior. O resto da nave cóbrese con bóveda de canón sobre muros de cantería con capillitas embebidas. No exterior, no lateral sur, a escaleira de acceso ao campanario que se apoia nunha tripla arcada. A espadaña de dous corpos superpostos, o inferior formado por unha dobre arcada, e o superior cun arco e rematado con pináculos e bólas. A fachada é de gran sinxeleza, con portada alintelada e sobre esta un frontón triangular con fornela no seu tímpano.

Acceso

Dende a capital municipal, tomaremos a C-550 en dirección Ribeira. Pasado o lugar de Queiruga, e na primeira grande recta que aparece, estaremos atentos a un cuce para tomar a pista á esquerda que indica Igrexa de Caamaño.
Arriba
Axúdanos a mellorar!