mailto:?subject=Envio de contido de Turismo de Galicia: A PRAIA DAS CATEDRAIS&body=Recoméndoche que leas a información A PRAIA DAS CATEDRAIS extraída do portal de Turismo de Galicia na páxina https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/32008/a-praia-das-catedrais?langId=gl_ES%26ctre=5%26tp=1
Arquitectura do mar
O chanzo que forma a denominada rasa cantábrica
acada aquí categoría de monumento xeolóxico. O
mar esculpiu nos cantís todo un repertorio
arquitectónico de arcos, columnas e bóvedas que
levaron a bautizar turisticamente o espazo entre os
areais de Augasantas e Carricelas como praia das
Catedrais.
O acceso resulta doado. Conta ademais cun paseo
acondicionado polo bordo superior e paneis
informativos. Emporiso, deixar a nosa pegada na
area só é posible durante o devalo das mareas.
Camiñarmos pola superficie libre da baixamar e
internarnos nas furnas co permiso momentáneo do
mar incrementa a sensación de aventura. As
Catedrais atesouran nos últimos anos milleiros de
fotografías, todas coa emoción dun momento
irrepetible. Cada imaxe é única.
Cada visita é diferente. O mar sempre borra as
pegadas anteriores, pero permanece a sucesión de
arcos monumentais. Ademais o espazo protexido
dentro da Rede Natura 2000 abrangue un treito
costeiro duns quince quilómetros de longo nos que
podemos atopar outros fermosos areais como o
dos Castros e o pintoresco porto de Rinlo.
Acceso
Pola estrada N-634 (A Coruña-Santander),
desvíos cara á costa no tramo entre San Miguel
de Reinante e Rinlo. Pistas locais paralelas á
costa.
Camiños de Santiago
Camiño do Norte
Situación
No concello de Ribadeo, na Mariña Oriental
luguesa. O LIC esténdese entre os concellos
de Barreiros e Ribadeo.
Superficie
Monumento Natural: 28,94 ha, das cales 20 ha
son augas mariñas. LIC: 304,36 ha.
Servizos
Aloxamento e comida nas poboación próximas
e ao pé da estrada.