IGREXA DE SANTIAGO

Relixioso
1524
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Pontedeume (Santiago)

Lugar: Pontedeume

15600  Pontedeume - A Coruña

Coordenadas:
43º 24' 20.8" N - 8º 10' 18.2" W

Descrición

A igrexa parroquial de Santiago, presenta dúas partes ben diferenciadas: a capela maior, edificada por Fernando de Andrade en 1538, e o resto da igrexa, obra do arcebispo nado en Pontedeume, Bartolomé Rajoy y Losada, de mediados do século XVIII. 
Na capela maior sobresae a nervadura da bóveda e o retablo renacentista de 1530. Na banda do evanxeo está o sepulcro de Fernando de Andrade trasladado dende o centro da antedita capela en 1758. Unha imaxe de Santiago Apóstolo ocupa a zona centro do retablo, figura que apareceu soterrada no presbiterio en 1961 ao facer unhas obras. Dentro da capela maior destaca tamén unha talla de Cristo da Vera Cruz do século XVI e a Virxe da Candelaria do século XVIII. 
O resto do edificio foi reedificado grazas ao impulso do arcebispo Rajoy y Losada entre 1757 e 1763, segundo a traza de Manuel de los Mártires e baixo a dirección de Alberto Ricoy. Trátase dunha construción de planta basilical, de tres naves, coro aos pés e cruceiro non sobresaínte en planta, con bóveda de media laranxa no mesmo, arestas nas capelas laterais e catro tramos de medio canón con lunetos na nave central. No cruceiro hai catro altares, os mesmos que en cada nave lateral. 
En contraste coa sobriedade do seu interior, o Barroco eclosiona na súa fachada, onde  aparecen columnas de orde xigante, suspendidas sobre un elevado plinto, portas de bordes moldurados, decoración a base de motivos xacobeos; pero é nas súas torres nas que a linguaxe barroca se volta máis recoñecible. Os lenzos murais da fachada principal divídense en tres rúas, na central aparece o vano de acceso á mesma e na parte superior, o santo titular representado como Santiago Matamoros e un escudo dos señores da vila, os Andrade e patróns da igrexa. 

Camiños de Santiago

Camiño Inglés
Arriba
Axúdanos a mellorar!